Burela, 15 de outubro, 2021. A Fundación Expomar convertiu a presentación oficial do libro “Os Bolechas e o Mar” nunha auténtica “Festa do Mar”, que tivo lugar este venres pola mañá nos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme de Burela, onde os grandes protagonistas foron os nenos e, por suposto, as personaxes da coñecida serie infantil. “Os Bolechas” visitaron os colexios de Burela e, ademáis de ilusión, compartiron xogos e actividades cos alumnos de primeiro e segundo de primaria.
Este proxecto da Fundación Expomar encádrase dentro do seu obxectivo principal de apoio e desenvolvemento do sector pesqueiro, una acción encamiñada á recuperación e visibilización do patrimonio e cultura mariñeira, e que está financiada polo Galp A Mariña-Ortegal.
O acto tivo lugar nas instalacións do CEIP Vista Alegre de Burela ás 10 da mañá, coa presenza do alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano; a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o presidente do Galp A Mariña-Ortegal, Javier Martínez Otero; o director do CEIP Vista Alegre, José Manuel Díaz; a directora do CEIP Virxe do Carme, Pepa Fernández; e Javier Martínez, representante de Bolanda Edicións, a editorial que publica o libro. O xerente da Fundación Expomar, Xosé M. González ‘Brais’, guiou a presentación, dando paso aos diferentes intervintes.
Alfredo Llano, alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, deu a benvida aos Bolechas e agradeceu aos nenos o seu interese polo mundo do mar, explicando a importancia das actividades que promove Expomar para esta difusión. Javier Martínez Otero, presidente do Galp A Mariña-Ortegal, explicou de maneira sinxela aos nenos as función que ten esta entidade. Os directores dos centros agradeceron aos alumnos a súa atención e o representante de Bolanda Edicións comprobou que os nenos de Burela son grandes seareiros das personaxes do libro.
Finalmente a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, pechou o acto felicitando á Fundación Expomar por esta iniciativa e animando aos alumnos a que se acheguen e coñezan ben o mundo e cultura mariñeira.
A continuación fíxose a entrega dos libros aos alumnos de primeiro e segundo de Primaria dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme, onde tamén celebraron obradoiros de elaboración de chapas e xogo do Trivial con motivos mariñeiros.
“Os Bolechas” é unha serie infantil de libros en galego que narran as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000, con xa preto de 600 títulos publicados e casi dous millóns de exemplares distribuídos.
Nesta aventura os protagonistas viven unha xornada no porto de Burela, onde coñecen as principais actividades do porto e da lonxa, as artes de pesca e oficios do mar, así como as principais entidades pesqueiras da vila.
O lote de libros tamén inclúe un caderno de actividades onde os nenos xogan cos nomes das especies e tipos de peixes e poñen en práctica as ensinanzas do libro “Os Bolechas e o Mar”.
Con esta iniciativa a Fundación Expomar pretende enseñar aos nenos e nenas de Burela a riqueza do mundo do mar, poñendo en valor o potencial económico do sector pesqueiro.