Lugo, 11 de outubro de 2021. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de renovación do firme nos accesos dos hospitais públicos de Lugo con un investimento da Xunta de 486.000 euros.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, informou esta mañá no Hospital Universitario Lucus Augusti deste novo investimento para seguir mellorando os equipamentos sanitarios desta cidade e tamén dos hospitais públicos da provincia.
Vázquez Mourelle subliñou que o obxectivo das novas actuacións é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos nas contornas dos centros hospitalarios da provincia, coa mellora do firme nas vías de acceso do Hospital Lucus Augusti, do Hospital de Calde, do Hospital Comarcal de Monforte e do Hospital da Costa. Ademais, a actuación permitirá a dotación de zonas de aparcadoiro nos centros hospitalarios de Monforte de Lemos e de Burela, habilitando en cada un deles entre 25 e 30 novas prazas.
A conselleira explicou que as intervención van dirixidas a corrixir os deterioros que presentan os pavimentos das vías de acceso destes hospitais, asegurando unha maior durabilidade da capa de rodaxe e favorecendo unha circulación de vehículos máis cómoda e segura.
Concretou que no caso do Hospital Universitario Lucus Augusti se renovará o firme e o pavimento da zona de urxencias.
No Hospital de Calde completarase a mellora do firme coa renovación dos separadores vexetais que se atopan en mal estado, no viario de acceso ao hospital e na zona sur, colocando bordo de formigón no seu perímetro. Ademais, habilitarase un pequeno itinerario peonil na vía de acceso ao hospital, para facilitar os desprazamentos a pé e de xeito máis seguro.
En canto ás actuacións no Hospital Comarcal de Monforte, a conselleira indicou que se procederá á renovación do firme e ao acondicionamento da zona de urxencias. Ademais, dotarase o centro hospitalario de máis prazas para aparcar, preparando unha explanada que permitirá obter entre 25 e 30 prazas de aparcadoiro.
En Burela, no Hospital da Costa, ademais de mellorar o firme dos accesos, renovaranse as beirarrúas nalgúns puntos e tamén se habilitará unha zona de estacionamento no antigo heliporto: entre 25 e 30 novas prazas de aparcadoiro. Isto fará preciso a execución dun muro de contención e obras de drenaxe, necesarias, ademais, pola remodelación das beirarrúas.
As empresas interesadas nos traballos teñen agora ata o 8 de novembro para presentar as súas oferta.
A partir desa data, indicou a conselleira, continuarase coa tramitación necesaria para iniciar as obras en maio, xa que precisan de bo tempo para a súa execución, e poder rematalas a mediados de ano, dado que os traballos teñen un prazo de 2 meses.
CIS Lugo
Ethel Vázquez referiuse tamén aos avances nas obras do Centro Integral de Saúde de Lugo, que comezará a funcionar a mediados do ano que vén cun investimento da Xunta de 12 M€. Sinalou que este equipamento sanitario forma parte do proxecto de recuperación do barrio da Residencia e permitirá poñer ao servizo dos veciños de Lugo un Centro Integral de Saúde con máis de 8.000 metros cadrados construídos e máis de 5.500 m² de superficie útil, repartidos en 6 plantas.
Tal e como salientou, desde a Xunta estase a traballar para facer realidade un novo centro de saúde moderno e accesible; un Punto de Atención Continuada con servizo de urxencias; un centro de saúde mental e unha base para o 061.
A titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o traballo da Xunta para dotar Lugo dun equipamento sanitario de vangarda. Unha actuación ambiciosa que, tal e como salientou, transformará a atención primaria da cidade, do mesmo xeito que ocorreu co Hospital Público Universitario Lucus Augusti no eido da atención hospitalaria.
Tamén se referiu ao remate da 1ª fase da ampliación e reforma do Hospital da Costa en Burela, no que se investiron 12,8M€ e para o que a Consellería de Sanidade avanza xa cos proxectos das seguintes fases. Ademais, recentemente, púxose en servizo o novo centro de saúde do Saviñao.