Burela, 14 de outubro, 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, xunto coa Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e coa colaboración de Armadores de Burela, presenta este venres 15 de outubro ás 12:30h no salón de actos de ABSA a segunda edición do “Camiño Gastronómico do Mar”.
Esta campaña consiste nunha serie de xornadas gastronómicas cun triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.
A presentación contará coa intervención de representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e da Asociación Amigos do Camiño do Mar; e coa presenza de representantes da Consellería do Mar, dos concellos e das dúas Mancomunidades polas que discorre a acción: A Mariña Lucense e Ferrolterra Rías Altas.
O acto estará presidido pola Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, en lugar da Conselleira do Mar, tal e como estaba previsto, pero que non poderá asistir ao estar participando no debate do Estado da Autonomía.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.