Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado celébrase o ‘I Foro Económico de Viveiro’

Viveiro, 28 de outubro de 2021. O Concello de Viveiro acolle este sábado, 30 de outubro, o ‘I Foro Económico de Viveiro’, que se celebrará nun hotel da localidade.

“Queremos que esta xornada de debate sexa un lugar de encontro e diálogo para o sector económico e empresarial de Viveiro, nun momento de grandes preocupacións e inquedanzas na sociedade”, asegura María Loureiro, alcaldesa do Concello de Viveiro.

Esta nova iniciativa xurde do acordo do equipo de goberno con Por Viveiro para a aprobación dos orzamentos e dos plans de reactivación económica derivados da pandemia da Covid-19.

Abrirá o foro Antonio Abril Abadín, presidente da Confederación de Consellos Sociais das Universidades Españolas e do Consello social da Universidade da Coruña, cunha ponencia sobre ‘A universidade como motor de desesnvolvemento económico e social’.

Despois, haberá a mesa redonda ‘Perspectivas económicas e oportunidades de futuro para Viveiro e A mariña tras a Covid-19: industria e comercio local’, con María Cadaval Sampedro, profesora de Economía Aplicada da USC e directora da Cátedra Iberoamericana, e Miguel Ángel Vázquez Taín, profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC, e presidente do Consello Galego de Economistas.

Posteriormente, chegará o acto de recoñecemento empresarial a unha empresa de Viveiro, neste caso Maderas López Pigueiras, “pero queremos que sirva tamén de recoñecemento en xeral a todas as empresas e autónomos que traballan duro cada día no noso concello a pesares das dificultades”, engade Loureiro.

O aforo será limitado polas restricións da Covid-19. Aquelas persoas que non poidan asistir, poderán seguir a xornada por streaming nas redes sociais.

Exit mobile version