O voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico, que conta xa co apoio da maioría da afiliación, será o único candidato de cara a cita para renovar os órganos de dirección do Partido a nivel local e que se celebrará o sábado 30 de outubro.
Continúa agora o proceso establecido no regulamento da formación coa campaña interna que se desenvolverá ata o luns 25 de outubro. Os afiliados interesados en participar para emitir directamente o seu voto no congreso disporán ata o mércores 27 de outubro para inscribirse e poñerse ao corrente de pago das cotas. A inscrición previa, requirida debido ao actual contexto sanitario, poderá realizarse de forma telemática a través do enderezo electrónico congresoppribadeo@gmail.com ou de forma presencial na sede do PP de Ribadeo (rúa Calvo Sotelo, 28, baixo) os xoves de catro a oito da tarde.
Vega formulou a súa candidatura á presidencia co obxectivo de “seguir traballando por Ribadeo e construíndo un proxecto forte” que sexa “unha alternativa seria fronte ao proxecto esgotado do goberno local do BNG. Somos un partido unido que traballa centrado no noso pobo e na defensa dos intereses dos nosos veciños”. Nese sentido, amosou o seu desexo de constituír unha executiva que sexa “un reflexo de Ribadeo”.