Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega preséntase a liderar o Partido Popular local: “O que me move é Ribadeo”

Ribadeo, 3 de outubro de 2021. O deputado autonómico e voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, anuncia que se presenta como candidato á presidencia do PP local que os afiliados elixirán no congreso que se celebrará o vindeiro sábado 30 de outubro.

Vega asegura que “o que me move é Ribadeo” e, nesa liña, “quero seguir traballando como veño facendo a nivel local dende fai algo máis de dous anos arroupado por un equipo que tamén defende os intereses dos ribadenses”.

“Este partido atópase total e absolutamente unido e ten como obxectivo traballar por Ribadeo”. É por iso polo que “tendemos a man a tódalas persoas que queiran traballar por mellorar o noso pobo e por facelo medrar dende os distintos ámbitos; xa sexa co máis ambicioso dos proxectos ou con aqueles máis humildes. Todos suman, todos impulsan e dinamizan Ribadeo”, segundo manifestou o popular.

Construír un proxecto forte coa experiencia do traballo feito
O congreso local servirá para renovar os órganos de dirección do Partido Popular. “O meu desexo é o de contar cunha executiva que sexa o reflexo de Ribadeo”, avanzou o popular. Nese sentido, defende “seguir construíndo un proxecto forte que constitúa unha alternativa seria fronte ao proxecto esgotado do goberno local”.

A este respecto, o voceiro do Grupo Municipal Popular pon en valor o traballo realizado: “o noso traballo céntrase no beneficio de Ribadeo e acredítase con feitos. Non son só palabras”, matiza. Así, explica que “día a día concretamos medidas e propoñemos ideas; ademais de realizar o noso traballo de fiscalización ao goberno”.

Vega afirma que “somos o partido que lidera a inversión en Ribadeo. O noso traballo, xunto á indispensable colaboración de colectivos, entidades e os seus representantes, fan posible que a Xunta sexa a administración que máis invista en Ribadeo”.

Exit mobile version