Esta é unha campaña da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela; que se pon en marcha por segundo ano consecutivo cun triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.
A primeira etapa ten lugar esta fin de semana no Concello de Ribadeo, onde entre o venres e o domingo o Parador e o Hotel Restaurante Voar ofrecen pratos especiais con sabor a “Peixe de Burela”.
PARADOR DE RIBADEO: Cola de xurel en crocante sobre hummus de berenxena con verduras de inverno. Pescada do pincho de Burela á grella con mousse de pato tostado e salsa de cenoria.
VOAR: Ensalada morna de peixe sapo confitado. Tagliatelle con carbonara de peixe espada e lagostino. Brocheta de peixe espada con verduriñas e salsa teriyaki. Peixe sapo en crema de vieira.
Unha das maiores novidades desta edición é que todas as persoas que participen no “Camiño Gastronómico do Mar” e selen alo menos a súa “Compostelana” en dous concellos distintos, poderán optar a gañar un lote de peixe da lonxa de Burela nun sorteo que se fará despois da última etapa.
Esta campaña encádrase dentro do Plan de Produción e Comercialización anual de OPP Lugo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.