Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Círculos invisibles da idade do bronce. A formación dunha nova paisaxe ritual en Galicia’ conferencia de Mariña Patrimonio, este sábado 30

A Mariña, 25 de outubro, 2021. A asociación sociocultural Mariña Patrimonio retoma as actividades presenciais organizando a conferencia a cargo dos arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro. Esta actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, terá lugar o sábado 30 de outubro ás 18:00 na Casa da Administración / Museo Histórico de Sargadadelos.

Os círculos, sobre os que Pilar Prieto e Luis Cordeiro levan anos investigando, son un tipo de xacementos arqueolóxicos dos que se comezou a ter noticia da súa existencia en Galicia a partir da escavación de A Roda de Barreiros en 2006. Na Mariña, ademais de A Roda de Barreiros, figuran no catálogo de bens patrimoniais da Dirección Xeral de Patrimonio as estruturas circulares de A Mourisca de Cervo e a Lavandeira de Xove, descubertas pola asociación Mariña Patrimonio en 2014 e 2015 respectivamente.

Este tipo de xacementos arqueolóxicos, que se están descubrindo ultimamente por todo o territorio galego, constitúen unha auténtica novidade no panorama arqueolóxico de Galicia.

Exit mobile version