Ao remate de setembro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 1790 persoas; é dicir, un aumento do 1,18 %, que contrasta cunha redución no Estado do 2,28 %. En Galicia, había no mes de setembro 153 054 persoas desempregadas, un 13,32 % menos que o mesmo mes do ano anterior.
Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os datos «son incontestablemente malos» porque, ademais de aumentar o paro, redúcese a afiliación á Seguridade Social un 0,15 % (1607 persoas) respecto ao mesmo período do mes anterior mentres. Atendendo á variación da media mensual, a caída é aínda maior, do 0,5 (5241 persoas), que contrasta co incremento estatal do 0,29 %. O único positivo, neste caso, é que se mantén a afiliación por riba do millón de persoas.
Outro problema é a calidade do emprego que se crea, pois a contratación aumentou un 20,42 %, pero á custa dunha elevada precariedade: en setembro rexistráronse 88 201 contratos temporais e representan nove de cada dez dos que se asinaron. En opinión de Bouza, isto dá como resultado «perda de emprego, aumento do paro e crise do noso modelo de relacións laborais».
A secretaria de Emprego tamén alerta do aumento do 6 % de traballadores e traballadoras nun ERTE de causas técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), mentres que nos relacionados coa covid diminúen un 12,2 %. «Isto é unha evidencia dos problemas dos nosos sectores produtivos, especialmente no industrial, que é un motor que arrastra os demais», advirte a sindicalista.
Ante esta situación, CCOO demanda un modelo de desenvolvemento orientado a actividades de maior valor engadido, diversificado, que potencie a industria e cumpra criterios medioambientais de economía circular. Asemade, os orzamentos para o 2022 —que en axiña comezarán a súa tramitación parlamentaria— deberán dar resposta aos problemas antes descritos, especialmente cando se vai contar cuns «recursos excepcionais» como os fondos Next Generation.
«Se a Xunta non aproveita este contexto e non muda a situación, será a responsable de poñer a Galicia no furgón de cola das comunidades autónomas no que se refire á saída da crise orixinada pola covid-19», conclúe Bouza.
Análise por sexos e sectores
O desemprego medra en ambos sexos, pero cunha intensidade ben diferente: entre as mulleres hai 1424 desempregadas máis, mentres que entre os homes o aumento é de 366. Isto fai que as galegas teñan cada vez maior peso no desemprego (59,2 % do total). O paro medra nas persoas de menos idade (595 desempregadas máis) e tamén nas maiores (1195 desempregadas menos).
O paro diminúe en todos os sectores de actividade, agás nos servizos, que sobe en 1973 persoas, e no colectivo sen emprego anterior (208). Así, descende en -170 persoas na industria, -164 na construción e no primario (-57).
Análise da contratación
En setembro rexistráronse en Galicia 96 615 contratos, dos cales 88 201 foron temporais. Isto é, só foi indefinido un de cada dez contratos. En termos mensuais, a contratación medra nun 20,42 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 16,18 %.
Afiliación á Seguridade Social
Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual diminúe en 5241 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 034 229. Deste total, 804 712 corresponden ao réxime xeral, 209 435 ao de autónomos e 20 082 ao réxime especial do mar. Se a comparativa a facemos cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 1607 persoas, ata situarse en 1 025 884 afiliados e afiliadas, rexistrando unha caída do 0,15 % respecto de agosto.
Prestacións por desemprego
En agosto cobraron algún tipo de prestación por desemprego 87 954 persoas (40 844 prestacións contributivas e 47 110 subsidios). Do total de prestacións contributivas, 13 285 seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central, que ao remate de setembro daba cobertura a 9842 persoas (1328 menos que en agosto).
Por tipoloxía de ERTE, 2038 en ETOP (116 máis ca no mes anterior), 2654 de forza maior (404 menos) e 5357 de limitación ou impedimento (877 menos). Do total de persoas afectadas, 4241 son homes e 5601 mulleres; atendendo á xúa xornada, 3512 a tempo parcial e 6330 a xornada completa.