Castiñeira sinala: “O grupo provincial do PP quere poñer de manifesto o que sería un feito inaudito nesta provincia. A estas alturas o señor Tomé xa debe ter data para presentar os orzamentos da Deputación para o ano 2022 no Parlamento de Galicia, sen ter data aínda para presentalo nin aos grupos da corporación provincial nin aos propios lucenses”.
O portavoz popular manifesta: “A verdade é que sería un auténtico despropósito. Cremos que non obedecería a unha estratexia política do bipartito, que leva anos utilizando a Deputación de Lugo como ariete político contra o Xunta de Galicia; obedecería máis ben a un interese político do propio Tomé, que está esperando a ver quen é o secretario xeral no PSdeG para logo presentar os orzamentos de todos os lucenses. Sería moi lamentable”.
Os populares, sinala Castiñeira, “agardamos unha resposta do presidente á carta que lle enviamos no mes de xuño, na que nos ofreciamos a colaborar para os orzamentos do 2022, que teñen que ser os orzamentos da recuperación”.
Castiñeira aclara: “Non tivemos contestación ao noso ofrecemento. Levamos falando con diferentes alcaldes de distintas comarcas e vemos que o goberno provincial de novo pretende deixar de lado ao grupo maioritario da corporación, a pesar do ofrecemento e da lealdade institucional que practicamos”. O portavoz provincial do PP espera “que o señor Tomé cambie de actitude e nas próximas semanas, canto antes, nos chame para falar dos orzamentos da Deputación de Lugo, especialmente antes de que os presente no Parlamento de Galicia; sería unha deslealdade e un despropósito político”.