Os datos dados por Castiñeira revelan cales son as prioridades do executivo de Tomé, sobre todo, se se ten en conta que a formación nacionalista tan só goberna en 4 dos 67 municipios da provincia. Ademais, indicou, “son das poucas Deputacións que non deu axudas directas ao tecido económico e que incluso non apoiou proxectos como os de AJE para optar aos Fondos Next Generation”.
Por este motivo, e avalado por ditas cifras, Castiñeira afeou ao equipo de goberno que diga que o investimento que prevé realizar a administración o vindeiro exercicio na provincia careza de diálogo coas entidades locais e que non estea ao servizo do tecido produtivo, sobre todo, expuxo, “cando nin nos escoitan, nin tan sequera nos deixan entrar nos edificios que son desta Deputación”.
Para seguir desmontando os argumentos de socialistas e nacionalistas, o voceiro do PP detallou as principais partidas, poñendo en valor o esforzo inversor previsto polo Goberno galego en 2022. É o caso do corredor de Sarria; a estrada de Folgoso do Courel e a de Begonte-Friol-Palas; a VAC de Xove; as depuradoras de Viveiro, Burela ou Foz; entre outras actuacións.
Por este motivo, o voceiro do PP lamentou a exposición dos dous grupos de esquerda, afirmando que, ademais, “son uns orzamentos sociais e que baixan impostos”, a diferenza, dixo, “do que lles gusta a vostedes, que é tirar do peto dos españois subíndolles a gasolina ou as peaxes”.
A explicación dada polo equipo de goberno sobre o Porto Seco tampouco convence aos populares. E é que, ao igual que no caso da VAC da Viveiro, esta infraestrutura está bloqueada polo Goberno do Estado. “Cando lle digan ao PP o que queren facer coa de Viveiro, farase o mesmo que coa de Xove; cando o seu Goberno desbloquee os accesos ao Porto Seco, a Xunta de Galicia executará o proxecto”. Sobre esta última infraestrutura, lembrou que nin tan sequera os organismos estatais informaron favorablemente. Castiñeira advertiu que tanto o ADIF, como a Confederación Hidrográfica e a Demarcación de Estradas presentaron informes negativos sobre o mesmo.