Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Xulgar dende a España profunda”, por Xoán Antón Pérez Lema

A medida cautelar adoptada por unha xuiza de Marbella privando da custodia dunha cativa dun ano á súa nai, unha cidadá galega, causou grande anoxo no noso País, pois que se alicerzaba parcialmente en que a nosa compatriota marchara coa crianza a Torea, no concello de Muros, supostamente na “Galicia profunda” deixando a cidade andaluza onde até entón vivía. Porén, compre recoñecer (aínda que non veña ao caso do que estamos a escrebir) que existían uns outros motivos na decisión xudicial, algúns moi díscutíbeis e quizais algún outro digno de certa consideración. En calquera caso é moi grave que esta maxistrada, como cualificada funcionaria investida dun importante poder, amose a súa ignorancia, desleixo, supremacismo e desprezo en doses tan elevadas.

Amosou a súa ignorancia ao descoñecer que Torea-Muros está a 10 minutos dos bos colexios e Institutos de Muros, comercio de proximidade, centros de saúde e áreas comerciais de Muros, 20 dos de Noia, 40 de dous campus da terceira Universidade en calidade do Estado (a USC), e dos moi ben dotados hospitais do CHUS e a 45 do aeroporto internacional compostelán Rosalía de Castro.

Manifestou o seu evidente desleixo pola pluralidade de camiños vitais dentro dunha sociedade moderna e evoluída ao desprezar a potente rede familiar e amizades de apoio á nai nun habitat como o do rural galego, así como as vantaxes ambientais, culturais e educativas da vida no rural.

Expresou o seu supremacismo a respecto non só da cidadanía galega, nomeadamente da Galicia rural, senón a respecto das nais-e pais- que escollen, nuns intres vitais tan concretos e especiais como a crianza dunha filla nos seus primeiros meses un réxime de dedicamento preferente ao menor, que subordine os proxectos profesionais a épocas posteriores e multiplique o tempo de atención á cativa durante os primeiros anos da súa vida. Proxecto moito máis viábel a carón dos coidados e axuda material da familia e amizades e nunha contorna cunha vida máis económica e sinxela.

E ditaminou o seu desprezo-un desprezo impropio dun alto funcionario dun Estado democrático- por un obxectivo fundamental europeo, como é dignificar a vida no rural e fixar poboación no territorio non urbano, para acadar un meirande equilibrio enerxético e un desenvolvemento económico sostíbel.

Son éstas actitudes que os servidores públicos (e con moitos máis motivos as persoas que ocupan a macistratura) han evitar e para iso, canda os estudos xurídicos, compre abrirse ao coñecemento doutros países, realidades e maneiras de vivirmos a vida. Doutro xeito seguerán a xulgar, seguerán a xulgarmos, dende a España profunda.

Exit mobile version