Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O PP, canda Vox”, por Xoán Antón Pérez Lema

O nidio trunfo do PP de Díaz Ayuso e Vox nas autonómicas madrileñas de maio xeraron de vez unha onda pro maioría dual das dúas dereittas nas enquisas para as vindeiras estatais, de xeito que case todas anuncian que Cs morre e PP e Vox obteñen unha maioría absoluta curta. Substancialmente trátase dun reasignamento de escanos, nomeadamente nas pequenas circunscricións (3, 4 ou 5 deputados) da España baleira, mais tamén hai un chisco de aliñamento coa nova mensaxe PP-Vox en determinados ámbitos do Estado español, de xeito principal na rexión madrileña e nas capitais castelás e andaluzas, sen que sexa polo de agora albiscábel este fenómeno noutras nacionalidades e sen prexuizo de que esta onda poida chegar tamén aos nosos barrios e que, mesmo sen se modificar de xeito substancial o asignamento de escanos da Galicia nunhas estatais, abonde con estas rexións, cidades e circunscricións para garantir unha maioría absoluta da dereita e da extrema dereita no Estado. O afundimento de Cs coa lei D´Hondt é unha bomba adiada.

Velaí que Casado deixase de pór os marcos que sinalou no outono de 2020 con Vox (canda o debate da moción de censura que presentaron os extremistas) e organizase unha convención itinerante para lle comunicar ao electorado que o PP de hoxendía afástase do centro político e achégase á extrema dereita de Vox, dotándose dun discurso supremacista español e duns valores propios da guerra cultural do trumpismo USA. Neste contexto, Vargas Llosa manifestou que o importante non é votar en liberdade, senon “votar ben” e Aznar dixo que España non é “nin plurinacional, nin multinivel nin a nai que a pariu”, amosando que o seu son os valores do pluralismo político e territorial e o xorne liberal e democrático. Mentres, Vidal-Quadras certificaba o fracaso do Estado autonómico e máis a necesidade dunha remuda institucional na gobernanza territorial do Estado.

O problema é que estas diagnoses enchoupan as estruturas do Deep State (altos cargos militares, policiais e dos corpos de elite da Administración do Estado, directivos do Ibex 35 e das media madrileñas, opinadores da capital do Estado) e reforzan as tendencias recentralizadoras no político e no económico, ameazando directamente calquera política a prol do autogoberno e do desenvolvemento social e económico de Galicia e do benestar e calidade de vida da cidadanía galega.

Nestas circunstancias…que pensan Núñez Feijóo e o PPdeG desta enxurrada extremista, supremacista e autoritaria? Como cren que incidirá este binomio PP-Vox no futuro de Galicia? Que grao de adhesión e comprensión manteñen cun partido, o PP, botado ao monte do extremismo e do supremacismo?

Exit mobile version