Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Ence e a fraude de lei”, por Xoán Antón Pérez Lema

O Dereito quítalle todo efecto aos actos feitos a medio de fraude de lei, é dicir, que usen dunha norma aparente de cobertura para acadar un resultado prohibido polo Dereito. Por outra banda, o Dereito Administrativo coida nulos de pleno Dereito os actos administrativos que incorran en desviación de poder, é dicir, que unha Administración Pública empregue as súas facultades para finalidades distintas das previstas pola lei que llelas outorga.

A lexislación de portos prevé a posibilidade de ampliar o dominio público portuario (é dicir os terreos públicos a carón do mar destinados ás fins propias da actividade portuaria) a terreos de costa que poidan server para os usos complementarios do porto, malia que non teñan continuidade cos previamente afectados. Máis aínda, poderán engadírselle ao dominio público portuario os terreos dedicados ás actividades industriais ou comerciais conectadas de xeito relevante coa actividade cotián do propio porto.

Neste senso, a posibilidade teórica reflectida no moi recente informe do Consello Consultivo de Galicia a respecto da adscrición ao Porto de Marín dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que ocupa arestora ENCE, sob a apariencia de cumprimento dos requisitos formais da Lei de Portos, incorre nunha clara fraude de lei, ao tentar resolver a caducidade declarada xudicialmente a respecto dos terreos que ocupa ENCE na Ría de Pontevedra, a medio dunha ampliación do dominio público portuario, que a Autoridade Portuaria de Marín até de agora nin requiriu de xeito formal nin anunciou fose precisa para o cumprimento das súas finalidades portuarias.

Unha eventual adscrición dos terreos de ENCE ao dominio público portuario de Marín sería, pois, nula por fraude de lei. Mais tamén por desviación de poder, pois que a Xunta aproveita o control que ten a respecto do libre nomeamento e cesamento do Presidente e máis da metade do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e demáis portos de interese xeral de Galicia para suxerir un camiño ilegal, usando da facultade da Autoridade Portuaria para lle propor ao Ministerio de Fomento a ampliación dos seus terreos de uso portuario para lle resolver o problema a ENCE . Para lle resolver o problema ao amigo.

Velaí a grave cuestión , xa non só ambiental, senón institucional e de convivencia democrática. Que o Goberno Feijóo, que defendeu até 2012 o translado de ENCE fóra da Ría de Pontevedra, estea disposto mesmo á fraude de lei e á desviación de poder para beneficiar os seus concretos intereses.

Exit mobile version