Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Disparármonos ao pe”, por Xoán Antón Pérez Lema

Nesta xeira do debate da nación, PPdG e PSdeG aprobaron no noso Parlamento unha proposta contra o dereito a decidir de Galicia, pois que “o futuro colectivo da nación española corresponde a todos os españois”. Cómpre respectarmos esta proposta, porque defender Galicia como parte inseparábel da indivisíbel España é absolutamente lexítimo.

Mais cómpre analisarmos fondamente esta idea. Pactarmos unha España unida dende a igualdade de dereitos e a garantía do noso benestar sería unha boa opción, se o facemos dende a cosoberanía, pactando unha unión dende unha mistura de ferramentas de federalismo asimétrico e confederalismo. É dicir, se pactamos a unidade do Estado español no contexto da unidade europea reservándonos un amplo autrogoberno que garanta plenas competencias a respecto da nosa lingua, cultura, educación, Dereito Civil, ordenamento territorial e réxime local e o control das ferramentas para o noso benestar: os portos e aeroportos todos, as políticas de promoción económica e, por riba de todo, a normativa fiscal e máis a recadación, liquidación e inspección do conxunto dos tributos todos, porque non pode haber autogoberno sen financiamento nin descentralización do gasto público sen a parella descentralización dingreso público.

Velaí que o aprobado este día polo Parlamento amose o peor dos dependentismos amosado nunca pola nosa Cámara ao longo dos seus case 40 anos de vida. Porque a proposta aprobada non defende a unidade do Estado no contexto da Constitución de 1978. Non. O aprobado é moito máis grave, porque demite dos dereitos históricos´de autogoberno recoñecidos á Galicia ao abeiro do artigo 2 en relación coa Disposición Transitoria Segunda da Constitución que, incorporados ao Estatuto, esixen que calquera modificación do marco xurídico-político galego sexa aprobada polos representantes parlamentarios do Estado e de Galicia de xeito bilateral e paccionado.

O Parlamento de Galicia ven de recoñecer que o Estado español poida decidir el só a respecto do noso futuro político, sen nos consultar ao respecto. Esta decisión conecta coa recentralización adoptada a medio da mutación constitucional material levada adiante estes anos polo Tribunal Constitucional, desnaturalizando as fórmulas bilaterais da Constitución de 1978 e do Estatuto de 1981 e deixa á intemperie ao noso País.

Confunden o cú coas catro témporas o PPdeG e o PS de G? Queren negar o dereito ao autogoberno galego? Ou queren definir xa de vez o Estatuto como simple carta outorgada e ao autogoberno como concesión española?

Velaí que o dependentismo sexa cativo, curto de ollada e prexudicial para o noso futuro social, económico e cultural. É disparármonos ao pe.

Exit mobile version