Carmela López contou que “tivemos unha reunión telemática cunha responsable de Unicef que se baseou nuns puntos que nos marcaron para postularnos como Cidade Amiga da Infancia. Seríamos a primeira de Lugo e en Galicia agora mesmo hai 10, das que ningunha é desta provincia”.
A concelleira burelesa explicou que “para conseguir ese recoñecemento pídennos primeiramente facer unha promoción de participación infantil para o que se crea un órgano que se chama Consello de Participación Municipal Infantil, que ten un regulamento propio e participa na toma de decisións de maneira continuada, o que me parece moi interesante e niso xa estamos, cos encontros que manterán con Alejandro Ramos, dinamizador experto en grupos de participación”.
A edil de Servizos Sociais engadiu que “é necesario traballar nun plan de infancia, que elaborarán os técnicos do Concello, para o que crearemos un grupo de traballo. Hai que facer un diagnóstico de partida e indicar cantos nenos temos, cantos centros educativos hai, que recursos temos, onde están. Este plan sirve para ir avaliando a través de diferentes indicativos o que temos e o que necesitamos mellorar”.
Carmela López dixo que “temos un prazo mínimo dun ano para facer todo este traballo e postularnos. Despois Unicef decidirá se cumprimos todos os requisitos e nos recoñecen como Cidade Amiga da Infancia ou non”.
Nas últimas horas tivo lugar o primeiro taller de formación e encontro dos rapaces e rapazas que forman o grupo de participación. Xunto a eles estiveron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, a concelleira de Igualdade, Noelia Mª Ben, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.