Ribadeo, 15 de outubro de 2021. O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu esta mañá a presentación do obradoiro Ribadeo prepara o teu camiño. Terá unha duración de nove meses e formará a 20 persoas en situación de desemprego, maiores de 18 anos. Xunto ao alumnado estiveron hoxe o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dirixiuse aos participantes neste obradoiro dicíndolles que “nosoutros o que queremos é aproveitar o mellor de vos porque vemos que nestes últimos anos fixemos cousas moi importantes en materia de turismo con estes obradoiros e en materia de arquivos con outros obradoiros que tivemos aquí. Realmente cousas que non son exactamente para darvos que facer, para que vos entreteñades e teoricamente aprendades, senón para que o que fagades nos sirva a nosoutros como Concello e como sociedade. Moitas das ferramentas que andamos presentando por aí están deseñadas por alumnos, xunto con monitores audaces, e iso válenos a vida”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, manifestou que “botamos a andar este obradoiro dual de emprego que chamamos Ribadeo prepara o teu camiño mediante o que se incorporan 20 novos traballadores, 20 novos alumnos e novas alumnas que antes estaban en situación de desemprego cuns contratos de duración de nove meses, para realizar unha serie de obras e unha serie de prestacións de servizos tamén para, sobre todo, axudar a promocionar turísticamente o Concello de Ribadeo, pero non de calquera maneira senón baseándonos nos recursos xa coñecidos, recursos naturais, históricos, patrimoniais en definitiva e que son totalmente propios do Camiño de Santiago ao paso polo noso concello. Tamén o que se pretende é consolidar e, se cadra, incrementar a oferta de servizos e a oferta de produtos relacionados co Camiño de Santiago para afianzar e profundizar en Ribadeo como un lugar principal e incluso que poida ser recoñecido como inicio de etapa no Camiño de Santiago”.
O edil ribadense engadiu que “como xa ten ocorrido en obradoiros anteriores imos combinar esa filosofía de aprender traballando e de traballar aprendendo, de modo que imos combinar tamén a formación que se vai impartindo coa aposta do sentido práctico dos coñecementos que os participantes irán adquirindo ao longo do período de formación, evidentemente dentro do marco das dúas especialidades propostas dentro deste obradoiro e que son Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e Xestión de marketing e de comunicación. Teño que dicir que son diferentes materias con moita importancia e un gran potencial, sobre todo tendo en conta o tecido empresarial e a situación económica actual de Ribadeo como quedou patente, especialmente no último ano coa avalancha de turistas que nos veñen visitar e que supoñemos que se vai ir incrementando nos próximos anos”.
Pablo Vizoso sinalou que “o aproveitamento da formación que se vai impartir e que forma parte deste obradoiro persigue varios obxectivos principais. En primeiro lugar, o máis evidente, que as persoas que resultaron seleccionadas desfruten desde xa dun contrato laboral de carácter dual que lles permita obter ao final da formación un certificado de profesionalidade para poder incorporarse dunha forma máis axeitada ao mercado laboral nestas materias que están relacionadas coa imaxe, co mundo dixital, coa comunicación, co marketing e coa promoción turística. Outro obxectivo importantísimo é que os traballos que realicen deixen pegada en Ribadeo a axuden a potencialo como un punto de referencia no Camiño Norte, e que resulte cada vez máis atractivo para os peregrinos, para os visitantes e tamén para os nosos veciños. E consolidar unha marca xa existente, que denominados Ribadeo alén do Camiño, destacando que se trata dun produto turístico específico aproveitando que somos a porta de entrada en Galicia do Camiño Norte. Pido a todos a maior implicación porque estes obxectivos que acabo de desgranar son importantísimos e obxectivos de futuro”.