Xabier Bermúdez Salgueiro, da asociación Aesclicks, contou que “esta exposición trata de recrear o que foron as incursións normandas ou viquingas nas costas galegas. Entón quixemos ambientala precisamente en Ribadeo recreando a praia das Catedrais e a partir de aí un desembarco destes pobos nórdicos, que o que facían era arrasar, facer pillaxe e levar todo o que podían das zonas de conquista. Ao mesmo tempo quixemos recrear como era a Galicia dese entorno do ano 1.000, que era un reino moi importante na Europa occidental, e como estaba estruturada a nivel de poboación das vilas e rural, etcétera, incluso recolle a vida dos mosteiros, que tamén era moi importante naquela época, e sobre todo os tres estamentos: o clero, a nobreza e pobo baixo (labregos, mariñeiros, vilegos, …)”.
Bermúdez dixo que “a mostra andará por unhas 2.000 ou 3.000 pezas. É incalculable porque cada boneco ten unhas 5 ou 6 pezas, entón é moi difícil de saber. Está aberta para todo o mundo con entrada gratuíta, desde nenos a nenos máis grandes”.
E engadiu que “nós pertencemos a unha asociación a nivel estatal, que se chama Aesclick e que ten unha labor social totalmente dirixida á infancia desfavorecida. Entón todo o que montamos é para recadar fondos para asociacións que traballan con nenos en hospitais, casas de nenos en exclusión,… Xurdiu a idea porque queríamos recrear como eran esas incursións viquingas ou normandas nas costas de Galicia e aproveitamos Ribadeo e a icona da praia das Catedrais, entón foi todo moi fácil”.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “estamos encantados de acoller aquí, en Ribadeo, e singularmente na Oficina de Turismo, esta exposición diferente, pero moi atractiva, especialmente para os máis pequeniños aínda que como os clicks de Playmobil é algo que abrangue xa varias xeracións, dado que hai moitos anos que existen, supoño que tamén farán as ledicias de xente máis adulta ou incluso dos pais que veñan acompañar aos seus nenos a ver esta pequena exposición, pero que está repleta, integrada e combina elementos históricos con outros aspectos máis lúdicos e de lecer”.
Para o rexedor “o das incursións normandas e que teña determinadas cuestións da nosa xeografía e da nosa historia, como a praia das Catedrais, Galicia, os mosteiros, etcétera, fai moi recomendable vir velo en calquera momento dos da apertura da Oficina de Turismo”.
Suárez Barcia subliñou que “coa iniciativa que lle chamamos O Concello cos coles convidamos a que os colexios, se queren, poidan vir de visita organizada cos seus alumnos e coas súas alumnas nalgún momento ver esta atractiva exposición, que é inédita e eu creo que deste tipo poucas haberá por aí adiante”.