Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata a central de Vestas de Dinamarca en bicicleta

Viveiro, 1 de outubro, 2021. Alejandro Paleo percorrerá en bicicleta a distancia que separa Vestas Viveiro e a sede central da compañía en Dinamarca. Serán máis de 2800 kilómetros que fará en etapas cunha duración total estimada de 15 días. Esta fazaña culminará coa entrega dunha carta en man dirixida aos directivos da multinacional en Dinamarca para que non se peche a planta de Viveiro. O reto poderase seguir en directo a través das principales redes sociais.

O Concello respalda, apoia e colabora con esta iniciativa reivindicativa, así como con outras medidas de presión e a manifestación que percorrerá mañá, sábado 2 de outubro, as rúas de Viveiro.

“Vestas ten en Viveiro unha plantilla cualificada e unhas instalacións modernas, o peche non ten sentido e as administracións implicadas debemos facer un fronte común para evitalo”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

O traballador sairá o domingo ás 10:30 horas desde a fábrica de Vestas en Chavín, onde se reunirán compañeiros de traballo e representantes do concello para desexarlle sorte e unha boa viaxe.

O Concello de Viveiro considera que non se pode permitir que unha empresa que ten beneficios, que é produtiva e que recoñece o traballo dos seus empregados e empregados da planta de Viveiro, que son un exemplo para todas as plantas que a empresa ten no resto do mundo, anuncie o seu peche.

O peche afectaría a un total de 115 empregos directos e suporía un agravamento da situación da industria e do emprego non só na Mariña, senón tamén en moitos concellos próximos da comarca de Ortegal.

Exit mobile version