Mondoñedo, 30 de outubro de 2021. As Rutas de Artesanía organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña continuaron hoxe, sábado, en Mondoñedo, despois de empezar onte na Pontenova.
“Con visitas ao obradoiro de monicreques de Ton Arenas e ao obradoiro de procesado de La Botica del Abuelo ponse en valor o saber facer, o patrimonio inmaterial que constitúen os oficios tradicionais e que son un referente na nosa comarca”, explicou o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, quen destaca que “promocionar a través do turismo o coñecemento e a tradición dos oficios artesáns é a nosa contribución a que sigan vivos e non se perdan. Hai que destacar a boa acollida e a satisfacción que nos trasladan todos os que participan nas xornadas. Hoxe en Mondoñedo puideron descubrir ademais o barrio dos Muíños, un dos máis senlleiros, e coñecer a tradición cunqueiriana a través da audioguía Mondoñedo e Familia, que tamén elaborou a Mancomunidade”.
Fran Cajoto engadiu que “a antiga cidade de Mondoñedo ten moito que ofrecer e o traballo de promoción de toda a Mariña unida resulta unha fórmula de éxito, labor que se vai poder potenciar e dar un salto máis que significativo en canto comece a desenvolverse o Plan de Sustentabilidade Turística o vindeiro ano 2022”.