Ribadeo, 21 de outubro de 2021. Seguen as obras do saneamento de Cinxe, coa conexión co da Rochela, para o que foi preciso realizar un corte na estrada N-634, segundo contou o alcalde, Fernando Suárez. Os traballos, financiados polo Concello e polo Plan Único da Deputación de Lugo, supoñen un investimento de 53.000 euros.
O rexedor explicou que “estamos afanados estes días na continuación destas obras de saneamento en Cinxe, estamos precisamente coa conexión deste saneamento co da Rochela. Para iso tivemos que facer un corte transversal na estrada Nacional 634, que ocasionou algunhas molestias, pero finalmente acabámolo de superar con éxito, despois dun proceso realmente complexo de tramitación de permisos porque cruzar unha estrada de ámbito estatal require moitos trámites. Pero por fin está realizado e as obras de saneamento nesta parte da parroquia están próximas ao seu remate e agora un bo número de casas poderán ter a posibilidade de conectarse ao saneamento público”.
Suárez Barcia subliñou que “esta obra importante, que executamos desde o Concello de Ribadeo co apoio da Deputación de Lugo a través do Plan Único, supón máis de 53.000 euros de diñeiro público”.
E engadiu: “seguimos avanzando no saneamento das parroquias. Evidentemente queda moito máis, pero temos que ir pouco a pouco”.