Sonia Villapol pronunciará o pregón ás 21:00 horas no Auditorio Pascual Veiga sendo moi consciente da historia e da tradición destas festas, xa que estivo moi vencellada dende cativa ás San Lucas, encontro ao que acudía ano tras ano.
O cartel, obra de Xosé Vizoso
O cartel anunciador das festas, unha nova obra de arte do mestre Xosé Vizoso, amosa a esencia desta edición das San Lucas xa que, segundo explica o presidente da Asociación organizadora, Miguel Souto, “procuran conxugar o obxectivo primordial de preservar o coidado da saúde co desexo de manter no tempo unha feira de case 900 anos de historia”. Deste xeito, Miguel Souto agradece de novo e un ano máis o traballo e a colaboración “incalculable” de Vizoso, xa que “cada un dos seus carteis capta de maneira maxestosa a entidade das San Lucas, que este ano ten unhas características moi específicas dada a situación actual”.
Programación
Souto di que a programación das festas “recupera esplendor e, polo tanto, actividades respecto do ano pasado, especialmente ás vencelladas ao mundo do cabalo, pero con certas limitacións, ata que con responsabilidade podamos en novas edicións celebrar ao completo o programa dunhas San Lucas, que sempre levaron Mondoñedo fóra das nosas fronteiras, concedéndonos o privilexio de ter a feira máis antiga de Galicia e unha das de máis tradición de Europa”.
As distintas actividades terán limitacións de aforo, polo que as entradas aos concertos e actuacións na Alameda e na Praza da Catedral están dispoñibles en www.woutick.es e na Oficina de Turismo, mentres que para asistir aos actos no auditorio hai que inscribirse na Oficina de Turismo.
Sábado 16. Durante a mañá do sábado 16 de outubro, entre outras actividades, terá lugar dende as 12:00 horas a Gran Final da XX Copa Galicia P.R.G. do Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Ás 13:00 horas celebrarase unha exhibición de doma de Alta Escola dos Cabalos de Pura Raza Galega. No eido musical, un ano máis, terá lugar o encontro folclórico nesta ocasión coas bandas de gaitas La Reina del Truebano e El Enxambre de Asturias; o Ardo da Vella de San Miguel; e Toxos e Froles de Ferrol, que percorrerán as rúas de Mondoñedo, ofrecendo unha actuación final na Praza da Catedral ás 17:15 horas. Pola noite, ás 21:00 horas será o concerto de Roi Casal, na Praza da Catedral e tamén a actuación ás 22:15 horas, na Alameda, de Tania Veiras Grupo, quen estará tamén o domingo ao mediodía no mesmo recinto.
O Domingo 17 de outubro, o día das vésperas, contará con varios actos culturais e literarios, tal e como é tradición dentro da programación das feiras e festas, con homenaxes ante ao mauselo de Manuel Leiras Pulpeiro, e Pascual Veiga. Tamén será a presentación do libro ‘Crónicas das San Lucas 2015-2020’ no Auditorio Pascual Veiga, ás 13.00 horas. Pola tarde, ás 17:00 horas será o X Concurso de Andadura Galega Serrada e Chapeada de Cabalos e Eguas de 1,5 metros, no recinto da Granxa. Ás 19.00 horas, Antón Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, presentará ‘Episodios de Mondoñedo’ no Auditorio Pascual Veiga. Ás 21:00 horas, terá lugar a actuación musical na Alameda co Grupo Beatriz.
O día grande das San Lucas, o 18 de outubro será a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar, que nesta ocasión verá limitada o número de gandeiros que poidan participar dada a situación sanitaria actual. Durante a tarde, dende as 16:30 horas terá lugar tamén un concurso de andadura no recinto da Granxa. A nota musical virá ao mediodía na Alameda da man de Jorge Ferre Band. Xa á noite chegan a Mondoñedo o trío de cantareiras Tanxugueiras, que ofrecerán un concerto na Praza da Catedral, ás 20.30 horas, despois de visitaren escenarios de todo o planeta e de convertérense, co seu tema Figa, na candidatura favorita dos eurofáns españois para Eurovisión 2022. Ás 22:15h horas comezarán as actuacións musicais na Alameda de Jorge Ferre Band e Cinema.
Martes 19 de outubro. A orquestra Principal actuará na Alameda tanto durante o mediodía como a noite do martes. Haberá pasarrúas a cargo da Charanga noroeste, e ademais un concerto audiovisual de Rafa Pérez no auditorio Pascual Veiga, ás 19.00 horas.
Por último, o mércores 20 de outubro, día das Maulas, no Auditorio Pascual Veiga ofrecerase unha obra para nenos e maiores, con títeres e música en directo de Micromina Títeres.