Arias incidiu en que as 36 actuacións programadas en 13 estradas de Lugo estarán listas a finais deste ano, para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera en 2022. “Con esta medida contribuímos a reducir a perigosidade en zonas conflitivas e tamén melloramos a estética do Camiño nestes tramos, que serán máis agradables e cómodos para transitar a pé”, dixo o delegado.
Apuntou que desde o mes de xullo trabállase con intensidade para acometer as obras programadas nos trazados Francés, Primitivo, de Inverno e Norte no seu percorrido por 16 municipios da provincia de Lugo, cun investimento total de 466.800 euros.
As estradas LU-633 e LU-530 concentran o 55% das intervencións previstas. Na primeira estanse a acondicionar 11 tramos que coinciden co Camiño Francés en Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Portomarín; mentres que na segunda estase a reducir a perigosidade en 9 puntos que conflúen coa ruta Primitiva no seu percorrido pola Fonsagrada, Baleira, Castroverde e Lugo.
Entre as obras máis relevantes xa iniciadas ou completadas, Arias referiuse ás realizadas no pq 35+300 da LU-530 na Fontaneira (Baleira), cun investimento de 137.500 euros para mellorar a seguridade nun cruce mediante o reforzo da sinalización, a construción dunha pasarela de madeira e a instalación de barreiras de seguridade.
Reducir os riscos en cruces
En canto ao resto das actuacións, a maioría delas en cruces, afectan a dúas vías máis do percorrido Francés -a LU-637 en Triacastela e a LU-613 en Portomarín-; outras catro do Primitivo -a LU-701 e a LU-740 na Fonsagrada; a LU-232 en Lugo e a LU-231 en Palas de Rei; tres vías do Camiño de Inverno, onde se actuará en catro puntos da LU-933 ao seu paso por Quiroga e en senllos cruces da LU-652 na A Pobra do Brollón e da LU-213 en Chantada; e dúas estradas do Camiño Norte: a LU-133 ao seu paso por Ribadeo e Trabada e a LU-132 en Lourenzá.
As intervencións son acordes ás necesidades de cada treito e contemplan medidas como o reforzo da sinalización; a construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; a instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos e a pavimentación da ruta con pedra, entre outras.
Por último, Arias referiuse ás diferentes medidas impulsadas pola Xunta para ofrecer aos peregrinos a mellor imaxe de Galicia neste Xacobeo 21-22. Así, ademais de levar tempo traballando no acondicionamento, a sinalización e o embelecemento do Camiño, estanse a realizar melloras nos albergues da rede pública e púxose en marcha o seguro coronavirus, que contribuíu a recuperar a confianza de turistas e peregrinos ao ofrecer de maneira pioneira a tranquilidade de ter cubertos os gastos sanitarios e de aloxamento ante unha infección por covid-19.