Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 1,4M€ en 38 cursos para que 570 desempregados da Mariña melloren as súas oportunidades laborais

Lugo, 11 de outubro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 1,4 millóns de euros a financiar 38 cursos na Mariña para mellorar as oportunidades laborais de 570 persoas desempregadas.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen explicou que veñen de ser aprobadas as axudas da convocatoria do Plan galego de formación para o período 2021-2022. O Goberno galego deseñou unha oferta acorde coas demandas do tecido empresarial de Galicia e adaptada ao novo contexto xerado pola covid-19.

Na Mariña, os encargados de impartir estas accións formativas serán catro concellos (Cervo, Xove, O Valadouro e Burela) e catro academias. Entre as especialidades incluídas destacan cursos de socorrismo, xestión de recursos humanos, actividades auxiliares de agricultura, competencias clave, competencias dixitais, operacións de sistemas informáticos, mercadotecnia e compravenda internacional, actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, comercio, atención sociosanitaria, servizos de bar e cafetería e ensinanzas relacionadas con instalacións solares térmicas e fotovoltaicas, redes eléctricas ou fontanería e calefacción, entre outras.

No conxunto da provincia de Lugo, a Xunta destina 7,3 millóns de euros a financiar 174 cursos para mellorar as oportunidades laborais de 2.610 persoas desempregadas. Así, ademais dos anteriores, na área de Lugo prográmanse 85; na Terra Chá 30; en Terra de Lemos 13; na comarca de Sarria cinco; nos Ancares dous e en Meira un.

Os cursos poderán impartirse na modalidade presencial, de teleformación ou mixta. Van dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se admitirá a participación de ata un 30% de persoas traballadores ocupadas, sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas para desempregados. Unha vez finalizados, darán acceso a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia ou da páxina web emprego.xunta.gal. Deste xeito, os interesados teñen a posibilidade de elixir o curso, independentemente do lugar de residencia. As entidades adxudicatarias dos cursos poderán seleccionar directamente ao alumnado, e priorizarán na participación nos correspondentes procesos selectivos ás persoas desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro a través do portal de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade ou na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Exit mobile version