Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021. A Xunta anunciou hoxe, na terceira Mesa Industrial de Vestas, celebrada en Santiago de Compostela, que xa iniciou contactos con empresas para buscar un posible comprador para a fábrica de Viveiro, das que oito serían viables desde o punto de vista do obxecto social da factoría.
A pesares disto, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, afirmou que os actuais responsables da factoría parecen ter como único obxectivo pechar a fábrica e impedir a busca dun posible comprador e, polo tanto, dun eventual competidor en Europa. Lorenzana lamentou a estratexia de Vestas de prorrogar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego tan só ata o próximo 5 de novembro. Son, segundo dixo, “catro días hábiles para o período do expediente de despido colectivo que non deixa marxe ao Goberno autonómico para a busca de compradores”.
A conselleira de Emprego e Igualdade -que acudiu á reunión acompañada polo director do Igape, Fernando Guldrís, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias- trasladou á Mesa Industrial que “estamos realizando os contactos coas empresas para avanzar, pero o tempo é moi axustado”.
A conselleira amosou a súa decepción co papel que está xogando o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, que inicialmente se mostrou “proactivo” pero que a estas alturas “non leva feito absolutamente nada” para localizar compradores.
Nesta liña, Lorenzana subliñou que do contido da reunión de hoxe desprendeuse que Goberno central e a dirección de Vestas manteñen conversas á marxe da Mesa Industrial, o que, segundo indicou, reflicte que a Xunta ten “serias dúbidas” sobre o interese real do Ministerio en manter a actividade de Vestas en Galicia e deslizou a existencia dalgún tipo de “conflito de intereses” neses movementos.
Ademais dos representantes da Xunta, a terceira mesa industrial, convocada pola Administración autonómica e celebrada hoxe, tamén acudiu un representante do Goberno central, directivos de Vestas e membros do comité de empresa e dos sindicatos.