Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021. A primeira xuntanza da mesa industrial de Vestas para buscar solucións que garantan a continuidade do emprego na factoría de Viveiro celebrouse hoxe en Santiago de Compostela coa asistencia por parte da Xunta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Asistiron tamén á reunión, convocada pola Xunta de Galicia, representantes do Goberno central, da empresa, do comité de empresa e dos sindicatos.
A empresa comprometeuse durante os próximos días- ata o vindeiro mércores, día 13, cando terá lugar a segunda reunión- a traballar para buscar solucións que poidan dar continuidade á viabilidade da factoría de Viveiro. O Goberno galego e os representantes dos traballadores deixaron claro, ao respecto, que só aceptarán solucións ou proxectos industriais que pasen polo mantemento do 100% do emprego. “Para a Xunta de Galicia non é unha alternativa unha solución a medias”, recalcou Lorenzana.
Deste xeito, a dirección da compañía comprometeuse a estudar unha posibilidade para transformar a súa produción, que se avaliará na próxima reunión. “Temos que ser áxiles porque o procedemento do ERE continúa en paralelo cos seus prazos legais e, por iso, convocamos con esta premura a próxima reunión”.
Os representantes autonómicos valoraron de xeito positivo a asistencia da empresa á mesa industrial, aínda que lamentaron que a compañía non aceptara retirar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) mentres teñan lugar as negociacións. Neste senso, Lorenzana destacou que hoxe mesmo, na reunión, a Xunta e os representantes dos traballadores insistiron en que se retirara o ERE e lembrou que, a semana pasada, por carta, ela mesma solicitou á dirección da compañía que non presentara a comunicación formal deste expediente de regulación de emprego antes da celebración da mesa industrial. “Isto tería permitido facer a negociación con máis tempo”, apuntou.
A conselleira tamén indicou que a Xunta non ten competencias para suspender o ERE. “Non é posible xuridicamente, o único que pode paralizar o ERE é a empresa”, subliñou. Lorenzana engadiu, ao respecto, que a única competencia da autoridade laboral é comprobar que existe unha boa fe na tramitación do expediente, que se formule de xeito adecuado.
A Xunta, por último, tamén valorou como positivo que acudiran á xuntanza representantes dos dous ministerios competentes nesta materia, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a Vicepresidencia terceira e Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico., xa que é imprescindible a implicación do Goberno central para acadar unha solución satisfactoria.
En definitiva, o Goberno galego manterase como ata agora ao lado dos traballadores e as súas familias só aceptando unha alternativa que pase polo mantemento do 100% dos postos de traballo da fábrica de Viveiro.