Ribadeo, 2 de outubro de 2021. A Xunta concedeu unha axuda ao Concello de Ribadeo para a adquisición dun vehículo para a Policía Local mediante o sistema de renting.
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “A subvención ascende a un máximo de 33.600 euros, dividida en 48 mensualidades -catro anos-, para sufragar un máximo do 74% das cotas de rentingdun vehículo alternativo – tanto eléctricos como híbridos enchufables e non enchufables e que reúnan os requisitos para obter o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco- dirixido ao corpo de policía local.
Vega subliña a importancia desta colaboración tendo en conta que “é moi necesario dotar de máis medios á Policía Local para que poida realizar as súas funcións en condicións de seguridade”. De feito, o popular explica que “dende o Grupo Municipal Popular xa levaramos este asunto ao pleno do pasado mes de xullo ante os dous anos que o goberno local levaba parado, a pesar de ser coñecedor do problema de medios do corpo local de Policía”.
O voceiro popular explica que “a Xunta continúa, deste xeito, co seu compromiso para colaborar con Ribadeo e, neste caso, nun eido tan importante como a seguridade cidadá, ao mesmo tempo que fomenta o uso de vehículos non contaminantes”.