O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos e explicou que se trata dunha actuación cofinanciada ao abeiro do Plan Hurbe, orientado a mellorar as infraestruturas nos municipios de menos de 20.000 habitantes.
A intervención mudará a estética da rúa Cotarelo. Entre outros traballos, acondicionarase o firme e construiranse beirarrúas en ambas marxes, ao mesmo nivel da estrada para eliminar barreiras arquitectónicas; habilitarase un carril de circulación de sentido único e delimitaranse prazas de aparcamento.
Ademais, contémplanse os servizos de saneamento e abastecemento, así como a canalización soterrada da rede de iluminación pública, a de baixa tensión e a de telefonía. Colocaranse bocas de rego e de incendios así como a sinalización e outros elementos necesarios.
Arias gabou o impacto que as actuacións do Plan Hurbe teñen no embelecemento dos espazos públicos das vilas de pequeno e mediano tamaño, humanizando o urbanismo e incrementando as dotacións. Deste xeito, concluíu, “mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas e axuda a fixar poboación no rural”.
Con respecto ás críticas da alcaldesa cara ao propio Javier Arias, o delegado cre que “está asentada na polémica, en especial cos proxectos que a Xunta de Galicia executa no municipio”. En relación a esta visita, Arias considera que se avisou co tempo debido para ver a marcha das obras nesta rúa, non a súa inauguración.
Neste sentido, o delegado destacou a aposta do Goberno galego por avanzar no equilibrio territorial, e lembrou que no que vai de ano a Xunta leva investidos preto de 1 millón de euros en Trabada (973.668 euros) en 17 partidas diferentes, como poden ser os Plans de Mellora de Camiños, creación do Museo Etnográfico José Rocha, Servizo de Axuda no Fogar, Atención Temperá, Obradoiros de Emprego, rehabilitación de áreas recreativas, melloras nos tramos do Camiño Norte de Santiago, etc.