Van máis de 10 meses preguntáramos ó Concello polas palas excavadoras que revolvían o espazo protexido da Illa Pancha, sen ter resposta algunha. No mes de agosto, de pronto, todos descubrimos a apertura dunha cafetería con barandas, entarimados, mamparas, camiños, varios niveis, e unha extensión sospeitosamente avultada en relación cos metros de concesión adxudicados á empresa promotora.
Ben, o paso do tempo tíñanos dado a resposta, pero non porque as obras se visen dende terra, pois fraguouse cara ó mar, na parte norte da illa, detrás do edificio do faro e coa pendente en descenso, e así era imposible saber o que se estaba a facer coa emblemática illa Pancha, ni como. Tampouco o soubemos polo alcalde nacionalista, en teoría defensor da terra e o pobo galego a nivel local. Soubémolo porque alguén, non se sabe quen nin con que autorización, decidiu que a illa se abriría en horario de cafetería. Só así puidemos ter constancia, a auga pasada, da información que se nos tiña negado dende o Concello. Cando todas as modificacións tiñan sido feitas e o negocio privado posto en marcha.
Que casualidade e que mala sorte. De novo.
Quedaban tantas preguntas sin resposta. Así que decidimos enviar outro correo ó Concello a finais de agosto preguntando por autorizacións, licenzas, proxecto, acceso público supeditado ó negocio, avaliación medioambiental, etc. Como dous meses despois seguíamos sen contestación de quen presume de transparencia nas redes sociais, decidimos levar o tema á Valedora do Pobo, e o 20 de outubro recibimos a admisión a trámite da nosa queixa:
«En consecuencia, coa data de hoxe iniciamos as actuacións oportunas ante o Concello de Ribadeo. En concreto requerímoslle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa. Tan pronto como recibamos o preceptivo informe que ese órgano ten que remitirnos poñerémonos de novo en contacto con vostede para darlle conta da nosa actuación ao respecto».
O 4 de novembro cúmprense os 15 días deste correo. Nós, pola nosa parte, tamén seguiremos transmitindo ó pobo de Ribadeo toda a información que consigamos.