Segundo o profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Taín Guzmán, o ciclo pon o foco en tres das sete capitais do antigo Reino de Galicia, conformado por outras tantas provincias. “Abordaremos como estas tres cidades medievais foron barroquizadas e manteñen monumentos relevantes dos séculos XVII e XVIII, porque non só Santiago é unha cidade do barroco, senón toda Galicia”, asegura o académico, que destaca o caso de Mondoñedo, “unha xoia que en certo modo quedou conxelada no tempo e que esperamos que perdure”, en alusión aos seus pazos, conventos, igrexas e catedral, pero tamén á súa muralla e paseo de ronda, entre outros elementos do seu rico patrimonio monumental.
Santiago de Compostela destaca pola boa conservación da súa estrutura viaria medieval e das parcelas onde se asentaban, ao igual que agora, os edificios do casco vello, ademais das emblemáticas catro prazas que rodean a catedral: o Obradoiro, a única de carácter público reservada para as festas da cidade; as Praterías, de uso eclesial e para a venda de obxectos relixiosos de prata; a Quintana, dedicada a cemiterio e á recepción dos peregrinos nos Anos Santos; e a Acibecharía, para a venda de obxectos relixiosos feitos con acibeche, e que antigamente recibía o nome de praza das cambias, porque nela efectuábanse os cambios de moedas doutros países, ademais de ser o lugar para o lavado e o cambio de roupa antes do acceso á catedral.
No caso da Coruña, o interese ven marcado especialmente pola súa condición de cidade portuaria, onde o protagonismo recae nos aspectos defensivos como as murallas, os baluartes e os revellines para facer fronte aos ataques foráneos, especialmente dos ingleses.
Programa do ciclo
A primeira conferencia, titulada “Santiago de Compostela, cidade do barroco”, terá lugar o martes 2 de novembro e será impartida polo profesor titular de Historia da Arte da USC don Miguel Taín Guzmán. O día 9, don Javier Gómez Darriba, doutor en Historia da Arte pola mesma universidade, impartirá a charla “Mondoñedo, cidade do Barroco”, e por último, o martes 23 de novembro concluirá o Ciclo coa conferencia “A Coruña, cidade do Barroco”, charla que será impartida pola tamén doutora en Historia da Arte pola USC dona Paula Pita Galán.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) sen límite de capacidade, aínda que será necesario reservar praza no teléfono 981 211 602 ou no email info@academiagalegabelasartes.gal