Maceira recordou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”. Armas salientou, pola súa banda, o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego.
O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, o pasado 12 de maio, a chamada Iniciativa Xabarín para a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual na que, xunto con outros puntos, se solicitaba que a lexislación estatal equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o castelán. O texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego instaba a: “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda” e mais a “reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App”.
Representantes da principal entidade social de defensa da lingua galega trasladáronlle á directiva da principal institución cultural do país que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar”. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda Maceira, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, o presidente da Mesa.
A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparábel. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posíbeis: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito.”