Castro de Rei, 26 de outubro de 2021. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe no mercado gandeiro de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, unha xornada sobre prevención de riscos laborais da Asociación Agraria de Galicia (Asaga). O acto -enmarcado na Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebra ata o próximo venres- permitiulle poñer en valor as actuacións da Xunta en materia de prevención de riscos e uso seguro de maquinaria nas que o sector agrario “é prioritario”.
Tal e como detallou Mancha, o sector agrario é considerado como prioritario para a Xunta de Galicia de xeito transversal e concretamente pola Consellería de Emprego e Igualdade no eido da protección da saúde das persoas traballadoras e autónomas que o integran. Por este motivo, está a apoiar a celebración, por parte de Asaga, dunha vintena de sesións formativas dirixidas ao sector.
Elena Mancha lembrou que a Xunta ven de axudar un ano máis a asociacións empresariais, clústeres e sindicatos con 1,5 millóns de euros para que desenvolvan iniciativas que, como a de hoxe, repercutan nunha mellora continua das condicións de traballo de seguridade e saúde nas empresas en todos os sectores do tecido empresarial galego co fin último de acadar a sinistralidade cero.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) colabora activamente tamén coas asociacións no asesoramento especifico e actividade supervisora que requiren o que, segundo Mancha, “consegue ano tras ano ir mellorando as condicións de traballo a través da concienciación e a formación tanto dos empresarios e os seus servizos de prevención, como das persoas traballadoras”.
Os plans de actuación do instituto, que depende da Consellería de Emprego e Igualdade, inclúen actuacións de asesoramento, información e sensibilización específicas para reducir a sinistralidade laboral no sector agrario e gandeiro, así como medidas de control e seguimento que se desenvolven tamén en colaboración coa Consellería do Medio Rural e coas organizacións sectoriais representativas do sector. O Issga participa así en grupos de traballo estatais e autonómicos e presta apoio á elaboración de estatísticas de sinistralidade, investigacións de accidentes de traballo e enfermidades profesionais do sector agrario e campañas de promoción.
A formación ocupa un lugar destacado no conxunto de actuacións. Tal e como lembrou Mancha, este ano celebrouse a sexta edición do curso de prevención sobre o manexo seguro da motoserra e rozadoira. Tamén está prevista a realización da sexta edición do curso sobre gamificación.
Entre as campañas máis recentes de sensibilización, Emprego e Igualdade ven de promover A túa vida, sen voltas, para o uso seguro do tractor que ten como destinatarios os agricultores tanto por conta propia como allea, cooperativas agrarias, técnicos e alumnado das Escolas de Capacitación Agraria. Poboación rural en xeral.
Ademais o Issga está inmerso nunha iniciativa que divulgará xunto coa Consellería do Medio Rural sobre a prevención de riscos laborais en explotacións de gando vacún.
“Hoxe queremos trasladaros outra vez más a preocupación da Xunta de Galicia polo voso sector, queremos fixar, atraer e reter poboación ao medio rural, que o sector agrario galego se posicione como unha forza fundamental da nosa economía , que as condicións de traballo vaian mellorando día a día e que os accidentes de traballo sexan os menos posibles; deste xeito as empresas agrarias e rurais galegas serán cada vez mais sustentable y competitivas”, recalcou a directora xeral.