Lugo, 26 de outubro de 2021. A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia a dotación de fondos económicos e un plan de execución para os proxectos pendentes na provincia de Lugo. Así se acordou este martes no Pleno ordinario do mes de outubro tras unha proposta presentada polo Goberno provincial, que saíu adiante co apoio do PSdeG e o BNG, e cos votos en contra do PPdeG.
En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que se acaden niveis de compromiso coa provincia e se fixen dotacións orzamentarias para os grandes proxectos pendentes na provincia de Lugo, con especial atención ás infraestruturas e aos servizos. Entre elas, exemplifican a Vía de Alta Capacidade da Mariña, as obras relacionadas co subministro de auga, o Porto Seco de Monforte, a Ronda Leste de Lugo ou o Cuartel de San Fernando, entre outros. Tamén os servizos públicos, como a recuperación de cadros de persoal e especialidades no conxunto da rede provincial do Sergas, o mantemento do profesorado en niveis similar aos do curso escolar 2020/2021 ou o desenvolvemento industrial.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, fixo fincapé en que a Xunta ten paralizados proxectos de dúas categorías. “Están proxectos que van ano tras ano con partidas de similar contía pero que logo non se executan; e logo están os proxectos que nin figuran nas contas da Xunta, a maioría deles son reclamados polos Concellos pero que non aparecen. A lista sería interminable, pero basta con facer alusión ás necesidades que presentan os concellos para o abastecemento e depuración de augas ou nas comunicacións”, indicou.
García Porto mencionou que as contas autonómicas “deberían ser realizadas de abaixo cara a arriba, e non de arriba cara abaixo para responder ás necesidades dos concellos, escoitando aos Alcaldes e Alcaldesas”. Subliñou que “a proposta nace como reacción ante a soberbia e a ineficacia do Goberno da Xunta que non ten en conta as opinións da veciñanza, e da ineficacia duns orzamentos que xeran titulares de prensa pero que están baleiros de contido. Escoitamos que os orzamentos volven acadar cifras récord, o Goberno vai de récord en récord, pero ao final non se atraen empresas, non se crean prazas de escolas infantís, seguimos sen acceso a Internet de calidade e entre outras carencias, sen docentes dabondo nos centros de ensino”, recalcou a Deputada.
Servizos bancarios
A sesión plenaria de outubro tamén sacou adiante unha proposta socialista -cos votos a favor do PSdeG e BNG e a abstención do PPdeG- para reclamarlle á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos servizos bancarios na provincia de Lugo. Unha iniciativa que responde ao peche de oficinas que se suceden nas vilas e concellos galegos nos últimos doce anos, significando estes peches o 51% da rede bancaria que había.
García Porto indicou que nos últimos doce anos se perderon máis de 5.000 empregos en Galicia “ante a indiferenza e a falta de planificación económica dos sucesivos gobernos populares”. A Deputada evidenciou que máis de 7.000 veciños e veciñas da provincia carecen de acceso aos servizos bancarios no seu lugar de residencia, poñendo de exemplo os municipios de Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín ou Samos, que carecen xa de oficina bancaria.
“A Xunta contribúe ao desmantelamento dos servizos bancarios, porque con fondos públicos está subvencionando que as entidades instalen caixeiros nos concellos pechando oficinas, sen garantir axeitada atención persoal á veciñanza”, dixo a voceira socialista do Goberno provincial.
Sinalou, así mesmo, que a proposta tamén inclúe a petición dun plan integral de telefonía móbil no rural que permita acceder aos servizos de banca electrónica e telemática, á vez que tamén insta a que se dote de financiamento aos concellos para que poidan desenvolver plans de formación dirixidos á terceira idade para fomentar o uso das tecnoloxías. “A día de hoxe as apostas por bancas telefónicas ou a través de internet non son as solucións máis acaídas para unha provincia rural como é a de Lugo. Temos unha cobertura móbil deficiente e unha poboación de idade avanzada que prefire os trámites presenciais. Por iso, a falta de oficinas provoca que a veciñanza teña que buscar fórmulas de desprazamento con custes engadidos, que tamén dependen do estado de saúde das persoas”, salientou.
Granxa Gayoso Castro
O Pleno desbotou unha proposta do BNG para mudar o nome da Granxa Gayoso Castro provincial. o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, explicou que a Lei 52/2007 do 26 de decembro, Lei de Memoria Histórica, non indica que haxa que condenar de maneira xeral e automática a todos e cada un dos cargos políticos dos 40 anos de ditadura.
“Avaliando as decisións e información que temos de José Gayoso Castro, e tendo en conta a finalidade da Lei, non atopamos relación nin coñecemos datos que relacionen este proxecto e a posible implicación directa de Gayoso Catro na sublevación, na Guerra Civil ou na Represión. Nin atopamos datos persoais del que avalen fóra deste proxecto a súa participación na Represión”, aclarou o Deputado. Polo tanto, “estase avaliando a presencia do seu nome nun proxecto que non se tería executado sen as decisións desta persoa”.
O Deputado de Recursos Sostibles afirmou en todo caso que, “se existen en todo caso eses datos desa participación na sublevación, Guerra Civil ou Represión, agradecemos que se poñan en coñecemento e valoraremos a nosa posición”.
Por outra banda, Fernández Rico incidiu en que non se pode aceptar o nome proposto, Complexo Agrogandeiro e de Investigación Universitario de Castro, porque “desvincula totalmente a Granxa do feito fundamental de que estas instalacións pertencen á Deputación de Lugo e, pola contra, vincúlanas á Universidade cando, aínda que colaboramos con ela, a Granxa é da Deputación”. “Esta institución provincial, baixo os sucesivos Gobernos de progreso dende o ano 2007, converteu á Granxa provincial nun referente no sector agrogandeiro a nivel galego, nun centro público de investigación de primeiro nivel e, polo tanto, nun motor para o desenvolvemento e a innovación das nosas explotacións gandeiras, con todo o esforzo orzamentario que isto supuxo e sigue supoñendo, ano tras ano”, explicou.
Cesión Fermín Rivera
O Pleno aprobou hoxe a cesión da vía provincial LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, respondendo así a unha solicitude municipal. Esta estrada ten 730 metros de lonxitude e parte da intersección coa estrada vella de Santiago, da Ponte Vella, e remata nas proximidades da igrexa de San Lázaro.
O motivo da cesión radica en que permitirá unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga e para a ordenación do tráfico rodado e peonil, ao tratarse dunha vía que transcorre por un treito urbano, con puntos de interese como o Club Fluvial ou a igrexa, que pola súa actividade atraen un importante volume de tráfico.
O estado da estrada é bo, presentando un firme asfaltado en boas condicións e contando con beirarrúas na marxe dereita e cun tramo que tamén as ten na marxe esquerda. Así mesmo, a vía conecta con estradas municipais, tanto no extremo que linda coa estrada vella de Santiago coma no estremo que continúa pola estrada de Orbazai cara a ponte sobre o río Mera.