Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación concorre aos fondos Next Generation para liderar un Plan de Acción que implante a Axenda Urbana na provincia

Lugo, 8 de outubro de 2021. A Deputación de Lugo concorrerá a unha liña de axudas que convocou o Goberno do Estado solicitando 300.000€, procedentes dos fondos europeos de recuperación Next Generation, para liderar un Plan de Acción que recolla as medidas necesarias para implantar os obxectivos da Axenda Urbana na provincia de Lugo. Así o aprobou este venres a Xunta de Goberno provincial, segundo explicou en rolda de prensa a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

“É unha medida moi importante para seguir avanzando nun obxectivo prioritario para este Goberno provincial, como é promover o desenvolvemento sostible e equilibrado da provincia, tanto social como económico, crear emprego e fixar poboación”, sostivo a Deputada. A Axenda Urbana Española “é un instrumento de traballo aprobado polo Goberno do Estado para impulsar a sustentabilidade económica, social e medioambiental dos pobos e cidades, a través da ordenación do territorio, a loita contra o cambio climático, a economía circular, a mobilidade sostible, a cohesión social ou a innovación dixital”, lembrou García Porto.

Para a Deputación de Lugo concorrer a esta convocatoria significa poder liderar a implantación na provincia das directrices da Axenda Urbana a través “dunha estratexia que desenvolveremos en cooperación cos concellos e que inclúe, primeiro, un diagnóstico da situación actual, e logo, o deseño das actuacións concretas a levar a cabo”.

A Deputada explicou que “as administracións locais somos unha peza fundamental para que os fondos europeos, como os Next Generation, cheguen realmente á sociedade, para que respondan ás necesidades reais da cidadanía e do tecido produto, e para que teñan unha verdadeira capacidade transformadora, como é o seu obxectivo”. “Somos a Administración máis próxima aos veciños e veciñas, polo que somos os que mellor coñecen a súa realidade e as súas necesidades e, polo tanto, podemos utilizar con gran eficacia eses fondos europeos”, engadiu.

Pilar García Porto sinalou que, no caso da provincia de Lugo, o papel da Deputación na captación e na xestión dos recursos que chegarán de Europa “é aínda máis necesaria, tendo en conta que a maior parte dos municipios teñen menos de 5.000 habitantes, polo que carecen de recursos técnicos, económicos e humanos suficientes para afrontar este reto”.

Contratos
A sesión do Goberno deste venres tamén aprobou a licitación dun contrato para a compra de dúas máquinas compactadoras usadas para o Parque Móbil da Deputación por un importen de 89.540€. Así mesmo, inclúese no contrato a retirada doutras dúas máquinas usadas, polas que a empresa adxudicataria deberá ofertar un prezo mínimo de 1.200€. Esta maquinaria servirá para dar un mellor servizo nas obras en estradas, xa que serven para acelerar o proceso de compactación da terra grazas aos diferentes rodillos que inclúen.

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a licitación do contrato para o subministro de gasóleo tipo B para as máquinas da Granxa Gayoso Castro por un importe de 18.145€, cunha duración dun ano, coa posibilidade de prorrogalo ata un máximo de tres máis. “Este é un paso máis que damos dende a Deputación para conseguir que todos os servizos que se prestan na Granxa Gayoso Castro estean baixo contratos, unha situación que practicamente se dá xa hoxe coa totalidade das prestacións, co que melloramos en transparencia e eficiencia dos recursos públicos”, explicou a voceira socialista do Goberno.

Exit mobile version