Lugo, 15 de outubro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou tras a reunión de Xunta de Goberno deste venres a adxudicación das obras de construción do Centro de Atención a Maiores da Pontenova por 1,97M€. Construcciones Jesús Naray S.L. será a empresa encargada de levantar as instalacións, proxectadas nunha parcela de máis de 2.000 metros cadrados na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz. O inicio dos traballos dependerá da concesión das autorizacións autonómicas pertinentes.
José Tomé destacou “a importancia deste proxecto para a veciñanza deste municipio mariñán, froito dun traballo constante da institución provincial para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos. Con obras como esta achegamos os servizos públicos á xente e, polo tanto, mantemos a poboación no territorio para que o noso rural siga vivo”.
Este centro contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, seguindo o modelo propio que ten a Deputación de Lugo para a súa Rede de Residencias provinciais. O edificio terá dúas plantas, un semisoto e un ático e, para unha maior comodidade dos residentes, todos os cuartos estarán orientados cara o río Eo. As obras deberán estar executados nun prazo máximo de 15 meses.
“Con cada centro xeramos unha media de 25 novos postos de traballo, ademais de empregos indirectos e de actividade económica. Un exemplo son os produtos para a cociña, onde empregamos produtos de proximidade, pero tamén a farmacia, a hostalería ou o comercio notarán o aumento da actividade económica co funcionamento da residencia”, sinalou o mandatario provincial.
A día de hoxe, a Deputación ten residencias en funcionamento en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e neste ano abrirá as de Meira e Navia de Suarna.
Apoio ao tecido produtivo
A Deputación de Lugo continúa apoiando ao tecido produtivo da provincia para axudar á súa recuperación fronte ao impacto da crise da Covid coa aprobación na Xunta de Goberno dun convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) por 89.000€ para o desenvolvemento do programa CEL superación – 2021.
Este plan inclúe a creación dun gabinete específico de asesoramento ás empresas sobre as diferentes axudas á recuperación, así como a implantación dun programa de formación dirixido a empresarios e traballadores para afrontar a nova realidade tras a pandemia. Ademais, a CEL creará unha web con datos estatísticos da provincia para mostrar a realidade do tecido empresarial lucense.
Granxa Gayoso
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para os servizos de reparación e mantemento de tractores e maquinaria da Granxa Gayoso Castro por un importe de 15.000€. A empresa Doval Maquinaria, SL é a adxudicataria do contrato, que contará cunha duración dun ano, coa posibilidade de prorrogalo ata un máximo de tres máis.
Bonos Impulso
Por outra banda, na reunión de hoxe o Executivo da Deputación acordou ampliar ata o 22 de outubro o prazo que teñen os establecementos adheridos ao Bono Impulso para entregar as contas xustificativas.