Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Burela unánime na defensa do traballo en Vestas

Burela, 1 de outubro de 2021. O Concello de Burela aprobou, onte en pleno, por unanimidade unha moción de apoio aos traballadores de Vestas e para reclamarlle á empresa o mantemento da súa actividade sen límite temporal. Na sesión tamén foi aprobada a conta xeral do Concello de 2020.

O alcalde, Alfredo Llano, quixo resaltar “a singularidade de recibir aquí a moitos traballadores de Vestas, entre eles aos membros do comité, que foron testemuñas de como entre os tres grupos, o Bloque, o PP e o PSOE, decidimos plantexar, de forma común e unánime, unha moción para ser solidarios cos 115 traballadores de Vestas, reclamar que siga existindo esa factoría e que se manteña no tempo, que non teña o límite do 31 de decembro. Consideramos que debemos apoialos, así o fixemos e así llo expresamos aos membros do comité que nos solicitaron que, unha vez que se acordou constituír a mesa industrial que se convocase o máis urxente posible”.

O rexedor explicou que “esa moción tiña dous puntos que eran: manifestar o apoio do Concello de Burela aos traballadores e traballadoras afectadas polo peche da instalación de Vestas de Viveiro e instar á Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para que, dentro das súas propias competencias, se adopten todas as medidas necesarias para esixir á empresa Vestas que reconsidere a súa decisión do peche en busca de solucións alternativas. Nosoutros engadímoslle, pola petición do comité, que se convoque xa a mesa industrial, que é o que se acordou o outro día, porque necesitan que se faga con urxencia. No pleno acordamos por unanimidade esta moción e imos estar en todo aquilo que precisen os traballadores. Eu mañá estarei na manifestación que vai haber en Viveiro porque pensamos que é unha cuestión moi importante a defensa destes postos de traballo e desta factoría”.

Outras mocións
Llano contou que “aprobamos unha moción, presentada polo grupo popular, na que fai a petición da creación dun arquivo histórico cultural de carácter dixital. Pensamos que é unha boa idea e realmente o grupo de goberno xa está traballando e así o expresa na súa páxina web onde existen iniciativas para levar a cabo certas cuestións derivadas da cultura e da historia que teñan carácter dixital. Xa se está levando adiante un proxecto onde as diferentes rutas por Burela teñan códigos QR distribuídos de tal xeito que poidan explicar a todo o mundo o que está a ocorrer. É unha idea moi boa, aínda que leva o seu tempo porque hai que ter disposición económica e despois xa se verá onde ter un sitio tamén no que almacenar unha boa distribución, polo tanto imos ver se podemos ter unhas instalacións para manter arquivos. Queremos ter dixitalizado todo, pero tamén suficiente material presencial. Ambas cousas son compatibles”.

O alcalde engadiu que “o PSOE presentou unha moción para reclamar que a alfombra floral de Burela da asociación cultural Burela Floral apareza na lista do patrimonio inmaterial da humanidade. Consideramos que as alfombras que se fan aquí, con motivo das festas patronais, son realmente singulares no mundo e, dado que é unha labor colectiva onde moita xente está creando esas alfombra e dada a dimensión da arte que están mellorando cada ano, cremos que teñen que ter ese recoñecemento. Se a Unesco o concede sería moi bo para toda a xente que traballa nisto e tamén para o pobo de Burela”.

Exit mobile version