Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Barreiros unida no apoio da mobilización do domingo reclamando futuro para a Mariña

Barreiros, a 14 de outubro de 2021. A continua destrución de emprego na comarca nos últimos dez anos e a actual situación de empresas tan importantes coma Vestas en Viveiro ou Alcoa en San Cibrao poñen a comarca nunha posición de desertización industrial que provoca un éxodo de persoas que marcará un futuro de emigración e falta de futuro na Mariña.

A falta de política industrial que palíe esta situación, así como o déficit histórico de infraestruturas que vertebren a comarca e a sitúen nunha posición de igualdade con outros territorios agravan aínda máis a posibilidade de desenvolvemento da zona.

Ante todo isto, organizacións de tipo social veñen de convocar unha mobilización de ámbito comarcal para demandar a aplicación de políticas e medidas que freen a tendencia de destrución de emprego e os investimentos oportunos para atender as necesidades do territorio e das persoas que viven nel.

É por iso, polo que como institucións máis próximas á veciñanza, os Concellos temos a obriga de demandar a atención e os investimentos precisos para garantir un futuro na nosa comarca; apoiando e acompañando á sociedade que se organiza para pedir medidas que garantan o dereito a vivir e traballar na súa comarca e, polo tanto, Futuro para A Mariña.

Por todo o exposto, tras ser instada polas organizacións convocantes da mobilización que terá lugar o vindeiro domingo 17 de outubro baixo o lema “Futuro para a Mariña”, os tres grupos políticos que conforman a Corporación municipal de Barreiros, BNG, PSdeG-PSOE e PP, amosan o seu apoio a dita mobilización e chaman á cidadanía de Barreiros a participar na mesma, ás 12 horas con saída desde a Cruz Vermella en Viveiro.

Exit mobile version