O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na xuntanza celebrada en Santiago, valorou como fundamental a paralización do ERE, “pois do contrario dificilmente se poderá crear un clima de boa fe e crer na vontade que expresa Vestas de acadar solucións e de establecer un diálogo amigábel, mais cando existe unha vontade manifesta das administracións públicas neste sentido e toda a sociedade da Mariña reclama a continuidade dos postos de traballo”.
Carril salientou que o feito da empresa non querer seguir coa actividade non pode supor o peche da factoría “e hipotecar calquera futuro produtivo”. Por iso, apelou á responsabilidade do Goberno galego para frear esta nova desfeita na comarca da Mariña, atendendo as competencias en materia industrial e de emprego das que dispón.
No mesmo sentido, considerou intolerábel que en pleno proceso de transición enerxética, “de absoluto frenesí de electrificación da economía” ao abeiro do que Galiza vive unha ofensiva enerxética colonizadora coa implantación de macro parques eólicos, se destrúa impunemente o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector.
“Neste proceso de implantación das renovábeis, que se está facendo cun gran impacto social, ambiental e económico, Galiza ten que poder tirar proveito desta actividade e debemos ter un papel relevante na fabricación de todos os compoñentes”, afirmou Carril.
Denunciou que a falta de políticas e de intervención pública nos distintos sectores da economía permítelle a Vestas acometer un despedimento colectivo como este e, ao tempo, seguir levando o mantemento de parques eólicos en Galiza e ser socio tecnolóxico das operadoras enerxéticas.
Isto ocorre, alertou Carril, porque non se obriga ás empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación, mais tamén porque continúa plenamente vixente a reforma laboral que deixa nas mans das empresas todo o poder de decisión sobre os despedimentos colectivos. “Estamos ante un novo exemplo da necesidade urxente de derrogar á integra as reformas laborais de 2012 e a de 2010”, reclamou.