Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Medio Rural da Deputación financiou melloras nun camiño de uso gandeiro en Muras

Lugo, 19 de outubro de 2021. A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, achegouse ata Muras para comprobar o resultado das obras de mellora financiadas pola área provincial nun camiño de uso gandeiro, na parroquia de Balsa.

Trátase dunha pista que une o Pastizal co Campo do Cura, empregada a diario polas familias gandeiras para o acceso ás granxas e para o desprazamento de gando ata as zonas de pastoreo no monte. Os traballos realizados melloraron a vía cunha capa de saburra de 20 centímetros e co perfilado das marxes, ademais da limpeza dun paso canadiense.

Mónica Freire subliñou que se “trata dunha obra que repercute directamente na veciñanza dunha zona gandeira centrada en actividades extensivas, un modelo que é unha das sinais de identidade de Muras e que apoiamos de forma decidida desde a área de Medio Rural polo seu potencial económico pero tamén polo seu valor ambiental e social”.

Pola súa banda, o alcalde de Muras Manuel Requeijo lembrou que eran “melloras moi necesarias e demandadas pola veciñanza, xa que este vial de algo máis dun quilómetro dá servizo a toda a parroquia da Balsa, onde 25 familias se desprazan a diario para acceder ás súas granxas e para desprazar gando ao pastizal”.

As obras supuxeron un investimento de 15.000 euros, financiados a través dun convenio entre a área de Medio Rural e o Concello de Muras, dos cales a área provincial achegou 12.600.

Exit mobile version