Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Medio Rural da Deputación financiou a limpeza das marxes de vías municipais en Mondoñedo co programa “O que non arde”

Lugo, 21 de outubro de 2021. A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, deu conta das actuacións de limpeza e prevención de incendios realizadas en Mondoñedo no marco do convenio asinado entre a área provincial e o Concello mindoniense dentro do programa “O que non arde”.

Os traballos consistiron na roza de masas e matogueiras forestais a carón das vías municipais, nos terreos correspondentes as faixas de protección contra os lumes, e desenvolvéronse nas parroquias dos Remedios, Sasdónigas, Mondoñedo, Masma, Vilamor, Lindín e Santa María Maior. En total, limpáronse e desbrozáronse as marxes duns 42 quilómetros de pistas municipais, – unhas 21 hectáreas de terreo – contribuíndo á prevención de incendios e ao mantemento desas infraestruturas.

Mónica Freire destacou que “a posta en marcha do programa O que non arde ofreceu aos concellos recursos para desenvolver actuacións de prevención fronte aos lumes. Dentro das posibilidades orzamentarias coas que contamos, desde á area de Medio Rural puxemos a disposición dos concellos un apoio económico do que carecían xa que a Xunta de Galiza descargou nas entidades locais a responsabilidade de previr os incendios sen achegarlles ningún medio para afrontala”.

“Máis aló da repercusión no ámbito local, as actuacións levadas a cabo en Mondoñedo supoñen ademais un reforzo das políticas de prevención de incendios. Cada vez máis, as entidades locais estamos polo traballo e as actuacións nesa liña que, entendemos, debe ser tamén unha prioridade para a Xunta de Galiza”.

“A casuística detrás dos lumes forestais é complexa, pero resulta evidente que o camiño para atallar esta problemática pasa pola prevención, pola ordenación do territorio e o aproveitamento multifuncional do monte”, concluíu a deputada nacionalista.

Exit mobile version