Lugo, 28 de setembro de 2021. Dende o PsdeG na provincia de Lugo amósamos o noso total apoio ás mulleres que foron violentadas na súa intimidade en San Cibrao, na pasada celebración da Maruxaina no 2019, tras coñecer a ratificación no arquivo do caso das gravacións.
Así o dixo hoxe a Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero. “Dende o PSdeG defenderemos sempre a liberdade individual das mulleres por riba de todo. E entendemos que nestes intres temos que seguir traballando dende tódolos ámbitos, xurídico, académico, educativo,.. para mellorar a perspectiva de xénero na nosa sociedade”, remarcou a dirixente socialista.
“Os Socialistas da provincia de Lugo manifestamos a nosa enérxica repulsa a estes comportamentos repugnantes, que teñen como única finalidade a denigración contra as mulleres. Seguiremos defendendo dende todas as institucións nas que gobernamos iniciativas e propostas que contribúan a erradicar a violencia contras as mulleres na nosa sociedade. Rematar coa violencia de xénero comprométenos como partido, como sociedade e comprométenos como democracia, e ese é o camiño que imos percorrer”, dixo Otero.