O alumnado do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo participou este martes nunha xornada de limpeza na praia dos Bloques, unha iniciativa encadrada dentro do programa de sensibilización ambiental “Coida os mares, coida a vida” desenvolvido por Adega coa colaboración da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación. O programa pretende concienciar as xeracións máis novas sobre a problemática do lixo mariño e poñer en valor o respecto pola biodiversidade animal e vexetal coa que contamos no litoral da provincia de Lugo para poder conservar e utilizar de xeito sostible os nosos recursos mariños.