Viveiro, 23 de setembro de 2021. O Concello de Viveiro, a través da concellería de Benestar Social, informa de que os Xardíns Noriega Varela acollen ata finais de outubro a exposición ‘Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista’. Esta exposición está promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Viveiro. A mostra ofrece unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.
A exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que achegan ao público á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego impulsou no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron uns 340.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas, da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).
Nos últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.
O fotógrafo
Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.
Un dos países máis empobrecidos
Mozambique experimentou un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. Non obstante, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego e as administracións locais socias.
A concelleira de Benestar Social de Viveiro, Victoria Baamonde Gómez, agradece ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade todos os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento, a través da realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Máis información sobre a iniciativa: https://fondogalego.gal/o-fondo-galego-promove-cinco-proxectos-contra-o-covid-19-en-mozambique-e-guinea-bissau/