Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega: “Non entendemos que un alcalde se negue a percibir orzamento para o seu municipio”

Ribadeo, 13 de setembro 2021. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, non pode entender que “un alcalde se negue a percibir orzamento para o seu municipio”, cando “debería xestionar orzamento das distintas administracións”. Nese sentido, condena a actitude do alcalde do BNG de desprezo sistemático ás inversións da Xunta para Ribadeo e de desprezo constante tamén ás asociacións de Ribadeo tanto ás de veciños coma a outros colectivos.

Daniel Vega explica que “o goberno local do BNG pon paus nas rodas aos investimentos da Xunta en Ribadeo” porque “a Xunta aprobou subvencións e xa ingresou as cantidades correspondentes ás asociacións de veciños para facer obras nos seus locais sociais; pero o Concello non concede a licenza de obra. Non se entende que o alcalde prexudique aos veciños de Ribadeo”, engade.

Así as cousas, as obras están paralizadas nas antigas escolas de Rinlo, Vilaselán e Cubelas que son de titularidade municipal para as que o Concello ten cedido o seu uso ás asociacións. No caso da Rochela, onde o local social é de titularidade veciñal, o Concello cobrou unha taxa de 400 euros que dende o Grupo Municipal do PP solicitarán no vindeiro pleno eximir desa taxa aos veciños ao entender que se trata dun local de uso público para actividades culturais, lúdicas e sociais.

Ante a escusa manifestada polo alcalde nacionalista de que non se pode dar licenza a si mesmo, o popular sinala que “as obras de mellora do colexio son un caso similar: aínda que as obras son financiadas pola Xunta, o edificio é de titularidade do Concello e, polo tanto, tivo que conceder a licenza a si mesmo”.

Importante traballo do asociacionismo ribadense
Vega puxo en valor o traballo do asociacionismo de todo Ribadeo e, especialmente, das asociacións de veciños que solicitaron as axudas da Xunta para mellorar os seus locais sociais.

“O Grupo Municipal Popular actuou de boa fe informando da convocatoria desas axudas para que as asociacións de veciños percibiran fondos para arranxar os locais para os que o goberno local non puxo ningún tipo de orzamento”, explica. Pola contra, “o BNG non achega licenza para o arranxo das escolas e, polo tanto, os veciños poden perder a axuda concedida pola Xunta e tamén a oportunidade de mellorar os espazos que utilizan para as súas actividades”.

Exit mobile version