Viveiro, 21 de setembro de 2021. UGT-FICA Galicia, xunto con UGT-FICA Costa Lucense e a Sección sindical de UGT-FICA Vestas, tras a reunión celebrada onte a última hora da tarde despois do anuncio da empresa do peche da factoría que Vestas ten en Viveiro (Lugo), manifestan o seu máis frontal e absoluto rexeitamento a este peche que suporía a perda de 115 postos de traballo, máis os indirectos que poida traer consigo esta decisión empresarial, e unha dura labazada para unha comarca xa moi castigada pola situación que está a vivir tamén con Alcoa. Pero é que suporía tamén un duro revés para o emprego e actividade industrial de Galicia que na conxuntura actual non se pode permitir.
Por iso, e á espera de que a empresa inicie o período de consultas e información relativo a este anuncio de peche, UGT-FICA, sindicato maioritario e que ostenta a presidencia do Comité de empresa, insta xa, dende o minuto un desta situación, á Xunta, que non pode esquecer que ten competencias en materia de Industria, e ó Goberno central a que se impliquen e comprometan na busca dunha solución para esta situación concreta e para poñer freo ó goteo continuo de perda de emprego industrial nesta Comunidade.
Un centro de traballo rendible, sen balances económicos negativos
O Sindicato non entende esta decisión nun momento no que se anuncia a instalación de novos parques eólicos, no que as apostas parecen claras cara un sistema enerxético máis sustentable medioambientalmente e, ademais, cando se está a falar dun centro de traballo rendible que nunca presentou balances económicos negativos. Estase a falar dun conxunto de traballadores e traballadoras altamente cualificados e produtivos, que se foi adaptando sempre ás novas esixencias do mercado, e que converteu á planta de Vieiro nun centro de referencia, como así o recoñeceu a dirección de Vestas en innumerables ocasións.
Freo xa ás deslocalizacións
Por todo isto, UGT-FICA denuncia que detrás deste anuncio, como xa sucedera con Siemens Gamesa en As Somozas recentemente, hai unha clara intención deslocalizadora cara outros puntos xeográficos. Unha práctica habitual que están a poñer en marcha moitas empresas, para aforrar custes, á que as administracións, neste caso a galega e a central, teñen que poñerlle freo xa. Non se pode seguir permitindo que, primeiro as administracións faciliten a actividade de determinadas empresas con subvencións e outro tipo de facilidades para a súa actividades e, despois, estas decidan trasladar a súa produción sen unha explicación produtiva e industrial clara, simplemente por un aforro de determinados custes.
UGT-FICA traballará firmemente para evitar o peche de Vestas-Viveiro
Neste senso, UGT-FICA anuncia que, a partir de agora, traballarase firmemente por evitar que Vestas execute este decisión dende todos os eidos que o Sindicato ten ó seu alcance, nas negociacións coa propia empresa, nos encontros que haberá que ter coas administracións e recorrendo á mobilización e presión se a empresa continúa adiante co peche.