Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé chama a encarar a modernización do sector leiteiro segundo as directrices da nova PAC

Lugo, 8 de setembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na inauguración da xornada de demostración SmartAgriHubs: A dixitalización no sector lácteo galego, que se celebrou este mércores nas instalacións da Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro Ribeiras de Lea, un acto no que chamou a encarar a modernización do sector leiteiro segundo as directrices da vindeira PAC. “Temos que ser capaces de anticiparnos e estar preparados para ese escenario que se vai vivir no 2023 coa nova Política Agraria Común”, sinalou Tomé Roca.

Na apertura deste encontro, dirixido a estudantes, profesionais e técnicos, tamén participou Elvira López Mosquera, adxunta ao Vicerreitorado de Coordinación do Campus Terra de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, e José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). José Tomé explicou que este foro é “un exemplo de como debemos seguir traballando no futuro. Unhas xornadas que emanan dun proxecto europeo dirixido a impulsar a dixitalización do sector do vacún de leite, no que están implicados a Universidade, o tecido produtivo e centros de investigación”.

“Falar de dixitalización e da modernización do sector lácteo é falar do futuro do sector primario, e, polo tanto, falar do futuro da provincia de Lugo. Porque, sen o sector primario, o noso rural, a nosa provincia, non ten futuro”, salientou o Presidente, que argumentou que “a actividade agraria, gandeira, forestal, vitivinícola e do mar é clave para a provincia de Lugo, por moitas cousas. Porque crea actividade económica e porque crea emprego; porque axuda a asentar poboación; porque contribúe ó coidado do medio ambiente e á ordenación do territorio, e polo tanto a previr incendios; e tamén, moi importante, porque preserva a nosa cultura e a nosa identidade”.

Sinalou Tomé Roca que “a dixitalización e a modernización do sector primario é un dos procesos que, entre outros, son fundamentais para facer esta actividade sostible e rendible, para que garanta unha calidade de vida e un sustento digno ás persoas que se dedican a ela”. Para elo, “é imprescindible contar cunha boa rede de comunicacións, cunha boa cobertura de móbil e de internet, para ser realmente competitivos”.

O mandatario provincial tamén puxo en valor neste foro o compromiso da Deputación de Lugo co sector agrogandeiro, nunha liña de traballo na que destaca a colaboración coa USC e na que priman proxectos como o da a Granxa Gayoso Castro e, en concreto, a Granxa Experimental de Leite, que é pioneira, porque se trata “do primeiro centro público da provincia de Lugo e de toda Galicia que une actividades de formación universitaria e de investigación en torno ao sector lácteo. Unhas instalacións dedicadas á docencia, pero tamén a poñer ó servizo do sector a investigación e a innovación, aproveitando o caudal de coñecemento que xera a Universidade”, apuntou o Presidente.

“Dende a Deputación de Lugo, seguiremos, coma sempre, apoiando, colaborando e acompañando ás explotacións gandeiras da nosa provincia en todo o que sexa necesario para que sexan sostibles e máis competitivas, e, polo tanto, para que a xente do noso rural e da nosa provincia teña futuro”, recalcou José Tomé.

Exit mobile version