Site icon Crónica3.com A Mariña

“Tarde, mal e a rastro”, Acisa critica o novo protocolo da Xunta para a hostalería

Ribadeo, 15 de setembro de 2021. A patronal ribadense móstrase crítica co novo protocolo para a hostalería da Xunta, xa que “chegou tarde, mal e a rastro publicándose poucas horas antes da súa entrada en vigor”.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, indicou que “en Acisa, así como en moitas outras asociacións locais, estamos desconcertados. Non podemos entender como as asociacións provinciais de hostalería aceptaron semellante protocolo. Na metade del fálase de cousas que xa se viñan facendo antes e a outra metade parece mais ben unha improvisación para dicir que en Galicia se fan as cousas diferentes ao resto de España. Danos a sensación de que as asociacións provinciais responden mais os intereses da Xunta que aos dos seus asociados”.

Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “non entendemos como se pode establecerse un nivel básico que é mais restritivo en aforos que o nivel baixo de onte. Entendemos aínda menos que se establezan diferenzas entre distancias de mesas ou clientes, volvemos á parvada de limitar por convivintes as barras ou ao uso individual. En Acisa preguntámonos ¿cómo se pode publicar un DOG no que se esixe que se faga formación sen dicir cómo, onde e cándo? ¿quen vai correr con eses gastos? ¿E cos das mascarillas FFP2 e das probas diagnosticas?”.

E engadiu: “é unha magoa, cando se anunciou que se traballaba nun novo protocolo algúns ilusos pensabamos que seria algo útil e beneficioso para a hostalería, pero por desgraza equivocámonos. Parece mais ben que a Xunta quixo castigar aos hostaleiros co beneplácito das principais asociacións e federacións. O único que crea este protocolo é mais confusión, mais gasto e mais frustración á hostalería”.

Para o presidente da patronal ribadense “non so é un protocolo que chega tarde, xa que tería que poñerse en marcha no verán, en tempada alta, cando verdadeiramente era necesario, se non que chega mal. Este protocolo ven con deficiencias na súa implementación, por exemplo a formación. E chega a rastro, porque dende a Xunta están collendo unha mala costume que é a de publicar os decretos cerca da noite na que entran en vigor, con nocturnidade e aleivosía”.

O xerente de Acisa puntualizou: “a estas alturas da pandemia outras comunidades están a volver á normalidade, restablecendo os horarios normais, ampliando aforos, eliminando as limitacións ou ampliando as dos grupos de persoas. E resulta que nos, unha comunidade das mais avanzadas en vacinación, seguimos impoñendo restricións, cun protocolo incompleto, que non deixa marxe aos negocios para traballar como desexan. É unha magoa, que os representantes da Xunta ou os deputados da Mariña non lle expliquen ás Consellerías de Sanidade e de Economía o dano que estas medidas terán nesta comarca, que é fronteiriza con outra autonomía que marcha a un ritmo completamente diferente. Alguén podería pensar que a Xunta de Galicia non ten moito interese pola Mariña”.

Iriarte Quintana manifestou: “agora haberá un anuncio multimillonario de axudas, dos que non chegarán nin a metade aos negocios, que ademais despois terán que tributar por esas axudas… É dicir volta o fume, pero axudas reais ningunha”.

Exit mobile version