Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021. “Hoxe comprobamos a finalización dunha actuación moi importante para os pacientes do Hospital da Mariña pero, tamén, para o Sergas en xeral e mesmo para o conxunto de Galicia”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita a este centro da rede sanitaria pública galega. Trátase, -tal e como remarcou o conselleiro-, dunha obra de eficiencia enerxética coa que se mellorou toda a envolvente térmica do edificio, mediante a instalación dunha fachada ventilada de granito no andar inferior e de formigón polímero no resto dos andares. Así mesmo, instalouse illamento térmico tamén sobre as cubertas planas existentes, aproveitando para impermeabilizalas e renovar as baixantes das cubertas inclinadas. Xunto ao anterior, substituíronse as carpinterías exteriores antigas, con vidros de mellor comportamento térmico.
Toda esta obra permite ter un hospital moito máis sustentable, cun sistema de calefacción que pasa dun nivel F a un nivel A, que posibilita, -remarcou García Comesaña-, un aforro de enerxía primaria de 800 megavatios ao ano e unha diminución anual das emisións de 151 toneladas de CO2, “co que se gana un centro sanitario máis confortable para pacientes e profesionais e máis respectuoso co medio ambiente”. O conselleiro lembrou que estes días celébrase a Semana Global de Acción polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, “e a sanidade pública galega quere formar parte da consecución deses obxectivos”.
Na visita, o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares.
15 millóns de euros para a próxima fase
Tal e como destacou o responsable da sanidade pública galega, estas actuacións súmanse ás rematadas o ano pasado e que supuxeron a ampliación en máis de 9.500 metros cadrados deste hospital, tras un investimento de 13 millóns en obra e 2 millóns de euros en equipamento.
O conselleiro salientou que os investimentos neste hospital continuarán coa fase II e III, cuxo proxecto vén de seren adxudicado o mes pasado. Suporá unha reforma integral de 8.300 metros cadrados e a construción dun novo edificio. Proximamente, presentarase o proxecto e iniciarase o proceso para desenvolvelo e poder licitar a obra o vindeiro ano.
En consecuencia, 2022 será o ano do inicio dunha seguinte fase que suporá un novo investimento de 15 millóns de euros. Ademais, -proseguiu o conselleiro-, a Xunta seguirá tamén equipando o hospital, que este ano recibiu dous novos equipos radiocirúrxicos por valor de 180.000 euros, e que, en breve, disporá dun novo ecógrafo para o servizo de urxencias, froito da licitación que o Sergas efectuou no presente mes para renovar este equipamento nos hospitais comarcais.