Cervo, 9 de setembro de 2021. O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do programa Cervo Concilia, que se desenvolveu ao longo do verán ata o inicio das clases, e no que participaron un total de 60 nenos e nenas.
A edil de Educación, Dolores García Caramés acompañou aos rapaces na gran festa final que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura. Os nenos e nenas gozaron dunha xornada de diversión con unha actuación musical na que puideron cantar e bailar, sempre respectando os protocolos e medidas de seguridade.
O programa Cervo Concilia está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos que puideron desfrutar de actividades ben diferentes como láser tag, teatro, ioga, surf, kaiak… e obradoiros como un taller de cómic, un laboratorio de perfumes ou un de ciencia divertida.
Para a concelleira de educación “o obxectivo principal deste programa é o de facilitarlle a conciliación familiar a todos os pais e nais durante unha época tan complicada como o verán. Este ano, ademais, dimos un paso máis conseguindo ampliar o programa ata o día antes do inicio das clases”.
Caramés quixo destacar “o amplo abano de actividades do que dispuxemos este ano, facilitando a conciliación das familias mediante unha oferta variada de espectáculos, deportes e obradoiros que lle permitan aos pequenos e pequenas aprender e divertirse durante a época estival”.
Por último quixo agradecer ás familias, aos nenos e nenas, e aos monitores a súa implicación. Amosouse “agradecida e satisfeita co comportamento dos nenos e nenas, posto que non é doado pasar todo o verán facendo actividades seguindo os protocolos de seguridade. Neste sentido tamén quero destacar a labor dos monitores e monitoras, xa que grazas ao seu esforzo e sacrificio conseguiron dinamizar as mañás mediante xogos, manualidades e obradoiros, sempre dunha forma segura.