No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra
Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento. Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios
que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.
As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.
Organiza esta acción o COLECTIVO CULTURAL EGERIA, coa colaboración de
GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o Presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz.
Máis información: www.nocamiño.org